O alumnado galego mergullarase na enxeñaría espacial da man do proxecto europeo Cansat

luns, 18 de outubro do 2021 S. P.

A nova edición do certame de proxectos espaciais Cansat, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea e organizada en Galicia pola Xunta co obxectivo de “aproximar á mocidade ao deseño, fabricación e lanzamento de satélites de pequeno tamaño”, ten aberto o seu prazo de inscrición ata o 3 de decembro. Ao abeiro deste proxecto, o alumnado (rapazas e rapazas de entre 14 e 19 anos, excluídos os estudantes de educación superior) realizará todas as fases dun proxecto espacial.
Dende a Consellería de Cultura, Educación e Universidade realizaranse actividades de formación e acompañamento aos docentes e mentores por parte da Aula Nova do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). Os interesados teñen toda a información da competición e inscricións na páxina web do CAFI.
Deseño e lanzamento
Como dixemos, aao abeiro desta iniciativa o alumnado participante realizará todas as fases dun proxecto espacial real, desde a elección dos obxectivos da misión ata o deseño e lanzamento do Cansat, un mini satélite dunha lata de refresco. O desafío para os estudantes será “o de adaptar todos os subsistemas que se atopan nun aparello espacial, como a enerxía, os sensores e un sistema de comunicación no volume e forma dunha pequena lata de refrescos”, explica a Consellería, engadindo que trala fase de deseño, o Cansat será lanzado por un foguete ou desde unha plataforma, un dron ou un globo desde unha altitude de ata un quilómetro. Durante a caída realízase un experimento científico predefinido e unha demostración tecnolóxica ata lograr unha aterraxe segura e analizar os datos recompilados.
Esta competición realízase en varias fases: rexional, nacional e europea, onde participan equipos de todos os estados membros da Axencia Estatal Europea. A fase rexional está organizada por terceiro ano baixo o impulso da Consellería de Cultura, Educación e Universidade -coa colaboración específica do departamento Aula Nova do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) de Santiago- e a Vicepresidencia 2ª e Consellería de Economía, Empresa e Innovación no marco do programa de fomento das vocacións científicas da Civil UAVs Initiative. A celebración da nova edición está prevista para abril de 2022.
Na última edición o equipo galego BujanSAT, do IES David Buján en Cambre, alzouse como campión nacional e vén de representar a España na competición europea, na que obtivo un premio especial do xurado recoñecendo especialmente o seu labor de difusión científica.

PUBLICIDADE