O apagamento analóxico, ao día grazas a Tdtgalicia.es
luns, 16 de xuño do 2008
A Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual vén de pór en marcha un portal temático da TDT en Galicia que achega información específica sobre a situación da televisión dixital terrestre no noso país.
A web Tdtgalicia.es vai dirixida a cidadáns en xeral e profesionais relacionados coas telecomunicacións en particular que desexan obter información sobre as vantaxes que presenta esta nova tecnoloxía, os pasos precisos para acceder á mesma ou o progreso do proceso de despregamento da nova televisión na nosa terra.
Segundo vén de informar a web da Sociedade da Información, o portal enmárcase dentro dunha serie de iniciativas dinamizadas levadas a cabo dende a Xunta de Galicia e que están “encamiñadas a asegurar o correcto despregamento da TDT no país”.
Esta iniciativa xurde como “unha peza fundamental de consulta” que se pon a disposición de aqueles usuarios que demandan unha serie de necesidades de información relacionada tanto coa propia tecnoloxía como cos axentes que se desenvolven no seu contorno (fabricantes, operadores de rede, radiodifusores...).
Ademais de información xeral da TDT, os internautas que accedan a este sitio web poderán manterse ao tanto dos pasos básicos que deben dar para gozar da nova televisión, da lexislación vixente e demais datos técnicos da televisión dixital e dos obxectivos que se perseguen con este servizo posto en marcha polo goberno galego.
Asemade, os usuarios deste sitio poderán consultar novas, recibir datos sobre eventos destacados e de todo tipo de actos relacionados co progreso de dixitalización dos fogares así como coñecer con precisión a data do apagamento analóxico nunha localidade en concreto grazas á ligazón Conta atrás, que especifica os días, as horas, os minutos e os segundos que restan para proceder á desconexión final.
