O casco de realidade virtual de Meta subirá de prezo en agosto
martes, 26 de xullo do 2022
A inflación non só afecta a
servizos como Amazon Prime, e agora Meta anuncia que o seu casto de
realidade virtual, Meta Quest 2 en
agosto pasará a custar 399,99 e 499,99 dólares con 128 e 256 GB de almacenamento
respectivamente, ou sexa, que incrementa o seu prezo en 100 dólares.
Este anuncio responde ao incremento dos custos de produción das Quest 2 e ao
constante investimento en realidade virtual que fan dende Meta. Ao dar conta
anticipadamente da suba de prezo confían en que os consumidores interesados en
realidade virtual poidan facerse co casco de referencia actualmente a un prezo asumible,
e incluso contarán cun incentivo para realizar a compra no que resta de mes:
recibirán de balde o xogo Beat Saber.
Cómpre lembrar que para finais de ano está previsto que lancen un novo casco de
realidade virtual dende Meta, pero sería un dispositivo de alta gama, polo que
o seu prezo sería moi superior ao dos cascos actuais. Os avances tecnolóxicos
desta tecnoloxía, en vez de orientarse aos xogos como actualmente, explorarán
vías máis sociais, abrindo camiño a un futuro metaverso.