O cine recuperado polo CGAI pode verse en liña

xoves, 14 de xuño do 2018 Redacción

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) – Filmoteca de Galicia renova a súa páxina web, que, alén dun deseño renovado e unha reestruturación integral que mellora a navegación, conta como principal novidade a posibilidade de acceder a parte do arquivo do CGAI en liña, de xeito que procúrase democratizar o acceso ao patrimonio cinematográfico galego que atesoura a institución.
A páxina web inaugúrase cunha selección de oito traballos recuperados e restaurados polo CGAI, aos que se irán sumando máis nos próximos meses, nun proceso de dixitalización do seu arquivo que a filmoteca acometerá ao longo do ano. Estas primeiras pezas teñen un carácter patrimonial e etnográfico en boa parte, centrándose na paisaxe e tradicións de Galicia.
Varias delas son produto das asociacións galegas en América Latina, tendo como obxectivo orixinal dar novidades da súa terra aos emigrados. É o caso de Galicia y Buenos Aires (José Gil, 1931) ou Un viaje por Galicia (Manuel Arís, 1958), que no seu momento constituíron unha sorte de cartas filmadas e hoxe permítennos coñecer a Galicia deses anos.
Outro dos importantes cineastas amadores que traballou neste eido foi Eligio González, o chamado fotógrafo da colectividade, do que o CGAI rescata Porriño en Buenos Aires (1942) e Imaxes de Castelao en Buenos Aires (1972), un importante documento que recolle a actividade do escritor na capital arxentina entre as décadas dos corenta e os setenta.
Completan esta escolma coa que se inicia a recuperación online do arquivo varios documentais dos anos vinte como Imaxes de Vigo e arredores (anónimo, 1926), Tintorería España (anónimo, 1927), Pontevedra, cuna de Colón (Enrique Barreiro, 1927) e Talleres Alonarti. Sociedad La Artística Ltda. (José Gil, 1928).

PUBLICIDADE