O clásico OutRunt chega... a Game Boy Color!

luns, 22 de setembro do 2025 Marcus Fernández

Para os seareiros dos salóns recreativos e das consolas de videoxogos clásicas pode resultar especialmente rechamante unha creación de Rocketship Park, estudio de videoxogos que, durante o desenvolvemento do videoxogo retro de carreiras para Game Boy Color Hero GP ocorréuselles a idea de versionar o clásico OutRun para a vella portátil de Nintendo, ofrecendo esta creación de balde.
OutRun GB é unha versión do xogo de carreiras das recreativas adaptado á limitada pantalla cadrada da Game Boy Color, que pese ás moitas limitacións ofrece o xogo completo, con todas as pistas e a música.
O xogo ofrécese de xeito altruísta, sendo posible descargalo para gozar do mesmo en Game Boy Color e Analogue Pocket, así como en numerosos dispositivos emuladores da portátil con pantalla a cor de Nintendo.
Sobra dicir que esta creación é totalmente allea a Nintendo e a SEGA, polo que cómpre vela como unha homenaxe para os nostálxicos dun título que marcou toda unha época.

Vídeo no que podemos ver OutRun GB en acción