O concurso Youtubeir@s, Premio Mil Primaveras
venres, 28 de xuño do 2019
O
certame Youtubeiras.gal, o
concurso para invadir as redes con vídeos en galego, vén de
ser obxecto dun importante recoñecemento: o Premio Mil Primaveras
que concede a Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de
Normalización Lingüística (CTNL). Segundo fai saber esta
agrupación, a proposta youtubeira é o proxecto galego máis
innovador do ano. No palmarés (noutras categorías) tamén están
Modelo Burela, Falemos de ti e min, Desafío 48,
Eu presumo de galego e GCiencia.
O
premio ao Proxecto Youtubeir@s (organizado polos concellos da Baña,
Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense,
Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, as universidades da
Coruña, Santiago e Vigo e a Deputación da Coruña co obxectivo de
fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua) foi
desvelado onte da man do xurado do galardón, que viu no concurso
“unha iniciativa que aborda un medio prioritario para o futuro do
idioma”, xa que a creación de contidos na nosa lingua a través da
plataforma Youtube xera “unha grande atracción na xente nova”.
O
xurado, ademais, engadiu que o proxecto “favorece que as persoas
que transmiten a través de Youtube o fagan en galego e que as que
comunican na nosa lingua o fagan en Youtube”.
Os
Premio Mil Primaveras, creados neste 2019 pola Coordinadora de
Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) coa
colaboración da Deputación de Pontevedra, teñen como obxectivo
valorar, recoñecer e difundir accións, campañas e programas que
serven para fomentar a lingua e para incrementar tanto o seu uso
coma o seu prestixio.
A
organización de Youtubeir@s, que neste 2019 acada a súa terceira
edición, amosou a súa gratitude por este galardón, que significa
un “auténtico pulo para continuar a medrar” no futuro.
Premios
Youtubeir@s
Os
Premios Youtubeir@s, outra das grandes liñas de acción do proxecto,
mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para
todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua.
Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de
marzo de 2018, sen restricións de privacidade e cos cancelos
#youtubeiras #youtubeiros na descrición. Establécense un total de
catro categorías: vídeo-facermos (vídeos que mostran saberes e
procesos de elaboración a través de titoriais), vídeo-opinarmos
(exposición de opinións e valoracións sobre un tema de interese),
vídeo-cantarmos (vídeos musicais con versións, composicións
orixinais, adaptacións ou coreografías) e canles.
Ademais
destas catro categorías, recoñeceranse premios á creatividade, á
eficiencia comunicativa, á calidade técnica e á calidade
lingüística, decididos todos por un xurado de recoñecido prestixio
que outorgará o premio durante a gala dos Premios Youtubeir@s, no
mes de novembro. Por último, o certame conta cun premio do público
que se entrega baixo o nome de #propostayoutubeira. En conxunto, o
certame repartirá un total de 6.500 euros en galardóns. As bases
completas pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.