O consumo da TDT en España cae a mínimos históricos

mércores, 7 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que a televisión de pagamento en España, coas plataformas de satélite e TDT, non gozaba de boa saúde no pasado, a chegada das plataformas asociadas ao acceso á Internet está a mudar a situación, segundo reflicte a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, dende onde apuntan que no último ano o número de abonados de televisión de pagamento medrou en máis de 630 mil á vez que no primeiro trimestre de 2018 a TDT tería a súa porcentaxe de consumo máis baixo da historia, debido precisamente ao incremento das subscricións á televisión de pagamento.
Os datos da CNMC sosteñen que en España o consumo medio de televisión é de 4 horas ao día, correspondendo na meirande parte á televisión en aberto (a TDT), pero no primeiro trimestre de 2018 rexistrouse un consumo de TDT de só o 76,6%, mentres que a televisión por satélite quedou en só o 2,8% mentres que as plataformas de televisión por cable e Internet medrou até o 20,6%, no que semella unha tendencia imparable.
Cómpre salientar que a contratación da televisión de pagamento disparouse grazas a estar enpaquetada con outros servizos de telecomunicacións, tanto fixos como móbiles. De feito, dos 6,72 millóns de abonados da televisión de pagamento o 89% terían o servizo incluído nunha oferta combinada.
Tamén é preceptivo sinalar que os datos da CNMC só inclúen a operadores con sede en España, ou sexa, que non incluirían a servizos como Netflix, HBO ou Amazon Prime Video, que curiosamente son os servizos de televisión baixo demanda máis populares, polo que o consumo audiovisual a través da plataformas baseadas na Rede podería ser moi superior á que reflicten os datos que se manexan actualmente e tamén veñen asociados a novos hábitos de consumo, nos que o televisor xa non é a única pantalla, xogando un rol moi importante os dispositivos móbiles.

PUBLICIDADE