O consumo de datos móbiles entre as galegas e galegos incrementouse nun 50%

martes, 17 de novembro do 2020 S. P.

A operadora R vén de confirmar o que xa se supuña: a intensificación este ano dos nosos hábitos tecnolóxicos, achegándonos máis ca nunca a uns recursos (móbiles, Rede, computadores, tabletas) que permitiron que moitos dos nosos hábitos persoais, laborais ou docentes tiveran continuidade malia as restricións da COVID. Nun balance acabado de presentar por R achéganse datos sobre os hábitos de consumo dos seus máis de 254.000 clientes en Galicia. Entre outras conclusións salientábeis confírmase que consumimos un 50% máis de datos móbiles nos últimos 18 meses.
A investigación, que na que se indica que o uso de datos móbiles é de 3,7 GB de media por terminal móbil por mes, pon o foco en dous intres decisivos nos que mudou a dita tendencia: durante o confinamento (o aumento do uso da rede Wi-Fi nos domicilios fixo diminuír os consumos de datos) e durante as vacacións (nas que aconteceu todo o contrario, e os consumos subiron até os case 5,5 GB).
Do estudo de hábitos de consumo de R despréndense as seguintes conclusións:
1. Relevancia do dispositivo. O estudo pon de manifesto a importancia do dispositivo que os galegos e galegas utilizan. Estes dispositivos son, por esta orde, a telefonía fixa, a banda larga, a telefonía móbil e a televisión. A operadora salienta que a banda larga e o móbil téñenos contratados case 9 de cada 10 clientes de R. E que a demanda do teléfono fixo diminuíu un 4 % no último ano e medio.
2. A televisión, unha demanda en auxe. De todos os servizos, a televisión é a que máis percorrido gañou, aumentando un 5 % a súa demanda nos últimos 18 meses. Por franxas horarias, o maior consumo de televisión en Galicia prodúcese de 15:00 h a 16:00 h e de 21:00 h a 23:00 h.
3. Consumo de internet, horas punta. A respecto do consumo de Internet por franxa horaria, o mesmo estudo revela que o volume descargado e subido por horas en días laborábeis aumenta de xeito considerábel entre as 21:00 h e as 23:00 h. Mentres, entre as 4:00 h e as 7:00 h da mañá é o momento do día que rexistra consumos máis baixos.

PUBLICIDADE