O domingo celebrarase un torneo solidario de Mario Tennis Aces

xoves, 30 de abril do 2020 Marcus Fernández

O vindeiro domingo, dentro da iniciativa Stay at Home Slam, celebridades como o cantante Seal, o DJ Steve Aoki, as modelos Gigi Hadid, Karlie Kloss e Hailey Bieber e tenistas como as irmás Williams, Naomi Osaka e María Sharapova, participarán nun torneo de tenis por parellas para recadar fondos para a loita contra a COVID-19 que chama a atención polo feito de que as partidas xogaranse no Mario Tennis Aces.
As retransmisións, que terán lugar a través de Facebook Gaming, contarán con comentarios de John McEnroe e a youtubeira Justine, e cada equipo participante poderá elixir a que entidade achegará unha doazón de 25.000 dólares, mentres que o equipo gañador recibirá 1 millón de dólares para a causa que decida.
Nas últimas semanas puidemos ver outras competicións en liña de simuladores de tenis, que tamén contaron coa participación de tenistas profesionais, pero tirando proveito de videoxogos realistas, sorprendendo desta volta que opten por un título no que os xogadores serán personaxes como Mario, Luigi e a princesa Peach, no que probablemente sexa unha decisión adoptada para que as competicións sexan máis accesibles e informais, primando o lecer e a solidariedade fronte a simulación deportiva.

PUBLICIDADE