O episodio final de Strangers Things poderase ver en cines

venres, 24 de outubro do 2025 Redacción

O universo de Stranger Things prepara a súa derradeira incursión na pantalla, cunha estrea simultánea en Netflix e en máis de 350 salas de cine en Estados Unidos e Canadá, iniciativa sen precedentes por parte da plataforma de streaming de Reed Hastings. O episodio final da quinta tempada, que culmina a saga iniciada en 2016, poderá verse o 31 de decembro ás 17:00 (hora do Pacífico, que en España serían as 2:00 horas do 1 de xaneiro), coincidindo coa súa dispoñibilidade global na plataforma de streaming. As proxeccións prolongaranse ata o 1 de xaneiro de 2026, converténdose nun evento colectivo para os seguidores da serie, e polo momento descoñécese se o evento presencial se replicará en salas de cine europeas.
Matt e Ross Duffer, creadores da ficción, expresaron a súa emoción por levar o desenlace á gran pantalla: «Ver o final con son envolvente, imaxe espectacular e rodeados de fans é o xeito perfecto —e, se se nos permite dicilo, caralludo— de celebrar esta aventura».
A historia retoma os feitos no outono de 1987, cun Hawkins marcado pola apertura dos Rifts e a desaparición de Vecna, cuxos plans permanecen ocultos. A cidade está baixo corentena militar e Once volve agocharse mentres se achega o aniversario da desaparición de Will. A ameaza final, máis poderosa e letal ca nunca, obriga a reunir a todo o grupo por última vez.
O elenco principal regresa para esta despedida, incluíndo a Winona Ryder, David Harbour, Millie Bobby Brown, Finn Wolfhard, Gaten Matarazzo, Sadie Sink e Jamie Campbell Bower, entre outros. Tamén se incorporan novas caras como Linda Hamilton no papel da Dra. Kay.
A tempada final distribuirase en tres entregas: os primeiros catro episodios o 27 de novembro, tres máis o 26 de decembro, e a grande final en Aninovo (ás 2:00 horas en todas as ocasións, xa que Netflix programou que a estrea da serie fose global).