O espazo web Eucirculo quere concienciar na educación viaria

venres, 24 de febreiro do 2012 Redacción

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de lanzar a nova páxina web Eucirculo, un sitio temático co que se procura a sensibilización da comunidade educativa en todo o referente á educación viaria. O web arrinca coa posta en marcha da campaña Nun segundo... cambia a túa vida, de sensibilización diante das consecuencias dos accidentes de tráfico, en colaboración co Instituto de Educación Viaria da Fundación MAPFRE.
Trátase dunha iniciativa innovadora, que ofrece aos membros da comunidade escolar un sito de referencia das actividades e recursos que neste ámbito se ofrecen en Galicia. Deste xeito a Consellería completa os seus compromisos no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2011/2015 e que fai fronte aos complexos retos da educación e da seguridade viaria na nosa Comunidade, un compromiso adquirido polo departamento educativo da Xunta de Galicia desde o inicio da lexislatura.
O espazo web Eucirculo organízase en dous bloques principais, Actividades e Recursos, que comparten na portada espazo coas campañas destacadas, un glosario de educación viaria e unha sección de ligazóns recomendadas que se irán completando coa colaboración dos centros e de todas as institucións e entidades que estean desenvolvendo programas e actividades de educación viaria en Galicia. No bloque de Actividades iranse colgando todas aquelas accións que se ofrezan ou se teñan realizado nos centros e as actividades de formación que están a dispor dos implicados no proceso educativo. No apartado de Recursos aparecerán informes, documentos, experiencias de boas prácticas nos centros, axudas, premios e ferramentas que favorezan o desenvolvemento da Educación Viaria nos centros e no seu contorno.
A portada complétase con pestanas para os apartados O máis recente, onde se ofrece toda a información publicada na web; e a sección Normativa, na que irá aparecendo toda a lexislación educativa e formativa relacionada coa educación viaria.
Este espazo web está plenamente integrado no Portal Educativo da Consellería dentro do proxecto de reorganización do mesmo polo que xa se levan creados os novos espazos do Boletín Informativo, de Innovación Educativa, de Linguas Estranxeiras e de Atención á diversidade e Orientación.

PUBLICIDADE