O ex vicepresidente do Instituto Politécnico de Porto, Antonio José Marques, visitou o CITIC

mércores, 30 de maio do 2018 Redacción

O profesor Antonio Marques (no centro) co director e o subdirector do CITIC

Esta semana o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña contou coa visita do profesor Antonio José Marques do Instituto Politécnico de Porto, que tivo ocasión de coñecer as liñas de actividade do centro galego, algunhas delas relacionadas directamente coa aplicación de novas ferramentas no ámbito da atención médica (a saúde), da que teñen abrollado proxectos como eDSalud, revolucionaria tecnoloxía de telemedicina que rompe fronteiras e derruba atrancos no ámbito da atención e os diagnósticos en tempo real.
Precisamente, Marques é terapeuta ocupacional e dedícase á saúde mental e innovación social, sendo responsábel de varios cursos de posgrao, proxectos I+D e teses de máster e doutoramento. Amais, foi vicepresidente do Instituto Politécnico de Porto e da súa Escola Superior de Saúde. Tamén é consultor e investigador da Universidade J. F. Kennedy de Bos Aires (Arxentina), da Universidade de Vic de Barcelona e da Universidade Federal de San Carlos de São Paulo (Brasil). A día de hoxe, traballa sobre todo nas seguintes liñas de investigación: na alfabetización e o benestar en saúde mental, en metodoloxías interactivas e de realidade virtual na rehabilitación de persoas con doenzas mentais e, tamén, na promoción da autoxestión destas enfermidades. Asemade, coopera no impulso de iniciativas innovadoras de inserción no mercado de traballo de poboacións vulnerábeis.
Durante a súa estadía no CITIC e a respecto da mesma, Marques salientou a importancia de estar en comunicación directa coa equipa do CITIC para “profundar no coñecemento das competencias, recursos existentes e das relacións entre as dúas institucións e grupos de investigación, planeando a concreción de varios proxectos conxuntos para os próximos anos nas diversas áreas da misión das institucións de ensino superior, ou sexa, ensino e formación, investigación e extensión comunitaria”.
O investigador portugués tamén expresou a súa arela de establecer liñas de traballo conxuntas co centro galego: “Xa estamos a planificar unha serie de aplicacións e a realización de proxectos de investigación en colaboración, que combinan o uso das tecnoloxías no contexto da saúde e a rehabilitación, co fin de atopar solucións innovadoras para responder a problemas sociais relevantes para o norte de Portugal e Galicia”.
A visita enmarcouse no proxecto Iacobus de cooperación e intercambio de persoal de centros de ensino superior da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, facilitando a posta en común de actividades formativas, de investigación e de divulgación.

PUBLICIDADE