O fin da Game Boy podería chegar este ano

xoves, 19 de xullo do 2007 Marcus Fernández

A primeira Game Boy incluía de serie o xogo Tetris

Tras 18 anos de vida, as consolas portátiles Game Boy están chamadas a deixar de dar guerra, e así algúns dos responsables de Nintendo xa afirman que abandonarán o desenvolvemento de xogos para tal plataforma para centrarse na Wii e na DS.
A Game Boy naceu cun modelo moi básico que se converteu en todo un superventas que superou a outras consolas portátiles tecnicamente moi superiores, de xeito que tal hexemonía se conserva aínda hoxe. Da primeira Game Boy saíu un modelo con pantalla en cor e, posteriormente, a Game Boy Advance, que buscou un xeito de manterse no mercado modificándose dun aspecto plano a un deseño en forma de cuncha (existindo tamén unha versión Micro pouco relevante). Esta última consola, a Game Boy Advance SP (GBA SP) aínda se vende nas tendas, pero está desaparecendo en favor da Nintendo DS, que domina actualmente o mercado das consolas portátiles (superando sen problemas á PSP de Sony).
O abandono do desenvolvemento de xogos para a GBA SP non está confirmado, pero parece unha realidade inevitable, de xeito que se poría fin a unha das marcas máis populares do mundo dos videoxogos.

PUBLICIDADE