O gamer galego racha co estereotipo: adulto, activo e con vida social

xoves, 5 de xuño do 2025 Redacción

Un 84 % das persoas que xogan a videoxogos en Galicia ten máis de 35 anos, e a súa relación co lecer dixital está afastada da imaxe tradicional do adolescente illado diante dunha pantalla. Así o reflicte a quinta edición da Radiografía do Gaming en España, un estudo anual sobre hábitos e percepcións arredor dos videoxogos elaborado para PC Componentes.
Segundo os datos referidos a Galicia, a maioría dos xogadores galegos compatibilizan a súa afección cunha vida profesional activa (82 %), dedican entre unha e dúas horas diarias ao xogo e non se recoñecen na figura do xogador solitario. De feito, preto da metade asegura manter unha vida social activa e considera o videoxogo unha vía de ocio máis.
Con todo, os estereotipos persisten: o 42 % da poboación galega segue a identificar o perfil do gamer co dun adolescente, e o 82 % das persoas que xogan perciben que aínda existe unha imaxe preconcibida sobre quen forma parte deste mundo.
Outro dos aspectos destacados do estudo é a percepción positiva do impacto dos videoxogos: o 90 % dos gamers galegos consideran que melloran habilidades como o razoamento lóxico, a coordinación ou a comprensión de idiomas. Ademais, un de cada catro percíbeos como un estímulo intelectual.
O estudo tamén amosa como evolucionaron os dispositivos empregados para xogar: o móbil ou a tableta sitúanse como as opcións preferidas en Galicia (54 %), por riba do ordenador (52 %) e da consola (32 %), cunha tendencia diferenciada respecto ao conxunto de España, onde o PC segue a ser a plataforma dominante.
Pese a que só un terzo dos xogadores galegos renova o seu equipo con frecuencia anual, existe un grao elevado de fidelidade: un 44 % leva máis dunha década xogando e un 78 % prevé seguir facéndoo na vindeira.
O estudo confirma así que o gaming forma parte da vida cotiá de milleiros de galegos, afastándose do tópico xuvenil e afirmándose como unha forma de ocio transversal, diversa e cada vez máis normalizada.