O grupo vigués Lalandi aposta pola promoción en Internet
xoves, 5 de outubro do 2006
A corporación viguesa Lalandi Group vén de apostar forte por Internet como canle de promoción e comunicación (xusto cando se cadra fan máis falla estas iniciativas, agora que coñecemos os malos resultados sobre penetración en Galiza das novas tecnoloxías que reflectimos aquí mesmo). E fíxoo cunha nova web, presentada este mércores en Conxemar, a Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados que se está a desenvolver no IFEVI.
A páxina do Grupo Lalandi (empresa con 20 anos de experiencia no sector do conxelado e nos envíos de peixe e de marisco a tódolos países do mundo) destaca polo seu coidado deseño e é de emprego doado, incluíndo información sobre os caladoiros onde opera a empresa, as diferentes liñas de produto ou información sobre o eido da pesca. Sexa como sexa, algunhas seccións atópanse en obras, o que podería ser a razón de que non exista aínda versión en galego ou de que aparezan topónimos deturpados como “Costa de la Muerte”.
