O instituto de Neda acolleu a primeira representación da obra teatral Papel 2.0
martes, 13 de xaneiro do 2026
O IES Fernando Esquío de Neda onte a primeira representación de Papel 2.0, a obra teatral promovida pola Deputación da Coruña para previr e concienciar sobre o acoso e o ciberacoso escolar entre a mocidade. O espectáculo marca o inicio dun programa que, entre os días 12 e 16 de xaneiro, percorrerá seis institutos de educación secundaria obrigatoria da provincia.
O alumnado de Neda foi o primeiro en asistir a esta proposta escénica da compañía Ventrículo Veloz, que utiliza o teatro como ferramenta educativa para fomentar a reflexión crítica, o diálogo e a empatía arredor do bullying nas aulas. Tras a función, o estudantado participou nun coloquio co elenco artístico, no que puido compartir impresións e debater sobre as situacións expostas na obra.
Papel 2.0, escrita e dirixida por Jose Padilla, é unha peza teatral dirixida a público adolescente que aborda a violencia do acoso escolar con humor ácido e unha linguaxe próxima á mocidade. A partir dun feito aparentemente trivial (o lanzamento de rolos de papel hixiénico nunha aula) a obra constrúe un mosaico de escenas que reflicten a banalización do bullying desde múltiples perspectivas: alumnado, familias, profesorado, medios de comunicación e redes sociais.
O espectáculo combina referencias culturais próximas ás novas xeracións cunha linguaxe actual, cargada de referencias ao universo dixital (a rede social Tik Tok, o videoxogo Fornite, a cultura gamer, os memes e o audiovisual en formato streaming) co obxectivo de “interpelar ao público novo e provocar unha experiencia tan lúdica como incómoda, que convida a mirar de fronte unha realidade aínda moi presente nos centros educativos”, informou presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacando que esta iniciativa “enmárcase no compromiso da Deputación de promover a erradicación de condutas como o acoso na escola, usando da cultura como ferramenta de concienciación para a mocidade”.
Pola súa banda, a deputada de Educación, Yoya Neira, explicou que “a loita contra o acoso escolar debe ser unha prioridade compartida, e proxectos como Papel 2.0 permiten que o alumnado identifique estas situacións, reflexione sobre elas e aprenda a rexeitalas desde a empatía e o respecto. A concienciación e sensibilización da mocidade é a mellor forma de previr o acoso”, afirmou.
As representacións terán unha duración aproximada de 50 minutos e completaranse cun coloquio posterior co elenco de actores e actrices, no que o alumnado poderá compartir as súas impresións e experiencias, reforzando así o carácter participativo e educativo da iniciativa.
Calendario das representacións de Papel 2.0
-
Luns, 12 de xaneiro. Neda
11:00 h — IES Fernando Esquío – Neda -
Martes, 13 de xaneiro. Sada e Oleiros
9:30 h — IES Isaac Díaz Pardo – Sada
13:00 h — IES María Casares – Oleiros -
Mércores, 14 de xaneiro. Carballo
11:30 h — IES Alfredo Brañas – Carballo -
Xoves, 15 de xaneiro. Oroso
10:30 h — IES de Oroso – Oroso -
Venres, 16 de xaneiro. A Pobra do Caramiñal
10:30 h — IES A Pobra do Caramiñal – A Pobra do Caramiñal
