O investigador do CITIC Álvaro Michelena, Premio Nacional ao Mellor TFM en Control Intelixente

mércores, 20 de xullo do 2022 S. P.

O proxecto do CITIC (Centro de Investigación TIC) sobre a aprendizaxe intelixente aplicada ás instalacións de control de auga, desenvolvido polo investigador Álvaro Michelena Grandío, vén de obter un importante recoñecemento: o Premio Nacional ao Mellor TFM/TFG en Control Intelixente outorgado polo Comité Español de Automática (CEA) e patrocinado pola empresa ASTI. A investigación de Michelena propón un sistema de control máis rápido excelente e eficiente, con capacidade para detectar anomalías en tempo real das instalacións de control de líquidos.
Este é o obxectivo do Traballo Fin de Mestrado Universitario en Informática Industrial e Robótica da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol do investigador CITIC da UDC Álvaro Michelena Grandío.
O galardón, entregado no XVII Simposio de Control Intelixente do CEA, recoñece e estimula o traballo desenvolvido en relación ao control intelixente. A proposta de Michelena vira en torno á aprendizaxe intelixente dos procesos de control de líquidos, entre eles a auga. Segundo explica, moitos destes procesos operan en continuo, sendo o controlador máis usado o PID (Proporcional-Integral-Derivativo) que require do axuste duns parámetros para o seu correcto funcionamento. O proxecto realizado polo investigador do CITIC presenta unha solución que se basea na combinación de metodoloxía tradicional (como son os lazos de control PID autoaxustábeis e os algoritmos de identificación baseados en mínimos cadrados) cos máis recentes avances tecnolóxicos como son as redes neuronais e a aprendizaxe federada. Da mesma maneira, propón simplificar a tarefa de identificación e control dos procesos non lineais de control do nivel de líquidos.
En definitiva, a proposta final de Álvaro Michelena Grandío permite obter un modelo xeral de comportamento do sistema, de modo que, á hora de identificar e controlar outros sistemas iguais, o proceso efectuarase de xeito automático e de maneira máis rápida, excelente e eficiente. “Isto é así porque o punto de partida é un coñecemento previo do funcionamento do proceso e, ademais, a solución deseñada permite realizar a detección de anomalías en tempo real”, explica o investigador do CITIC, quen tamén ma forma parte do grupo de Ciencia e Técnica Cibernética da Escola Politécnica de Enxeñeira de Ferrol (EPIF) do Campus Industrial de Ferrol.
O Premio Nacional Mellor TFM/TFG en Control Intelixente CEA 2022 a Álvaro Michelena vén a sumarse a outros recoñecementos recibidos polo investigador este ano como o Premio Cátedra EMALCSA-UDC. Michelena graduouse en 2020 en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática da Universidade da Coruña, obtendo o premio extraordinario da UDC. No entanto, iniciou a súa actividade investigadora en 2019 na antiga Escola Universitaria Politécnica (EUP), actualmente Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e desde maio 2021 forma parte do CITIC como técnico de apoio á investigación, colaborando con diferentes proxectos do centro. Así mesmo, desde decembro de 2021 é membro tamén do grupo de Ciencia e Técnica Cibernética da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol do Campus Industrial de Ferrol.

PUBLICIDADE