O líder da casa Nintendo pídelle á industria que deixe de lado a violencia

venres, 9 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Shigeru Miyamoto, alma mater de Nintendo, quere un mundo máis feliz, máis xusto e máis armonioso, e considera que os videoxogos, que tantas horas de lecer achegan hoxe en día a unha boa parte da poboación nova do planeta, teñen moito que dicir ó respecto. Así o fixo saber este xoves na Game Developer Conference de San Francisco, nun relatorio no que animou á industria a facer produtos que non recollan o 100% dos seus argumentos da violencia, do odio ou do racismo, aínda que lles sexa unha tentación grande facelo (se cadra porque, que lle imos facer, unha boa parte dos seareiros piden precisamente eses contidos).
Para Miyamoto, a reputación da industria está en entredito neste momento da historia, e os deseñadores teñen fallado de xeito estrepitoso nunha das tarefas que el lles considera primordiais: a de achegar ledicia á meirande cantidade de xogadores no mundo. As declaracións do gurú de Nintendo no salón (que de seguro lograron que máis de un asistente se remexera no seu asento, sobre todo os responsables da posta no mercado de produtos como Grand Theft Auto ou Bully) sitúanse asemade na mesma liña cás de de psiquiatras e educadores de todo o mundo, que levan anos insistindo en que os xogos violentos poden desencadear comportamentos agresivos na vida real. Cómpre dicir que Miyamoto é o creador de títulos míticos como Mario Bros, Donkey Kong ou The legend of Zelda, produtos nada sospeitosos de teren propiciado lavazadas no patio do colexio.

PUBLICIDADE