O luns chega á Galega Salvaxe, un novo reality de aventuras

xoves, 28 de novembro do 2024 Marcus Fernández

O vindeiro luns comeza na TVG e en AGalega.gal o reality de aventuras Salvaxe, presentado por María Lamela, no que 18 concursantes, divididos en dous equipos, deberán superar distintos retos físicos e mentais que porán a proba a súa resistencia, intelixencia, forza e capacidade de traballo en equipo.
Illados da civilización, sen móbiles ou comodidades, para sobrevivir aos retos que lles vai propoñer o programa os concursantes só contarán coa súa forma física, a súa capacidade mental e, sobre todo, a súa forza de vontade. O obxectivo final é ser o capitán da manda e gañar o premio final de 25.000 euros. Pero nada custará máis que manterse no trono, xa que neste reality, que conta cun innovador compoñente de xogo estratéxico, o maior perigo serán as loitas por manterse no poder e as conspiracións dos propios compañeiros.
Cada proba levará os concursantes ao límite, o que, sumado á falta de comida, provocará que a convivencia sexa cada vez máis difícil e comecen así as tensións entre eles. Aínda que inicialmente competirán en grupo, segundo avance o programa, os propios compañeiros converteranse en rivais e só poderá quedar un. Unha posible revolta contra o capitán sobrevoará constantemente todas as entregas de Salvaxe, facendo de cada emisión unha sorpresa. E é que neste xogo de poderes non está nada escrito, ninguén está a salvo e calquera pode gañar.
Salvaxe é un reality show que se distingue pola súa combinación de elementos competitivos, culturais e naturais. Nel, os espectadores descubrirán como o territorio galego se converte no escenario de emocionantes aventuras. A proba principal de cada programa realizarase nun lugar icónico de Galicia, desde os espazos máis visitados da comunidade ata paraísos naturais descoñecidos e sorprendentes.