O mellor xogador do mundo de Donkey Kong facía trampas

venres, 13 de abril do 2018 Marcus Fernández

As competicións no mundo dos videoxogos son de distintos tipos, e aínda que agora esteamos afeitos á celebración de torneos presenciais ou en liña, nos primeiros tempos a competición entre usuarios limitábase á escalar nas táboas de puntuacións das máquinas recreativas, esencia que se conserva entre certos colectivos nostálxicos, que a día de hoxe continúan a procurar superar distintas marcas en videoxogos moi representativos como Donkey Kong, o que levou incluso á elaboración do documental The King of Kong: A fistful of quarters, no que se narra o enfrontamento entre Billy Mitchell e Steve Wiebe para ver se o segundo é quen de superar os 874.300 puntos conseguidos polo primeiro no histórico xogo de Nintendo.
No mencionado documental Mitchell superou a súa marca anterior nunha gravación en vídeo na que chegaba aos 1.047.200 puntos, conseguindo máis adiante chegar ao 1.062.800 puntos, aínda que nunca demostrou tal en persoa, e as súas gravacións demostraban discrepancias, que tras a súa análise determinouse que o Rei do Kong estaba a facer trampas. Detectouse que certas imaxes que se vían nas gravacións non podían ser froito dunha gravación coa máquina recreativa orixinal de Donkey Kong, senón que eses efectos produciríanse concretamente co uso de MAME (un emulador por software), o que claramente invalida as partidas gravadas, xa que para poder competir neste tipo de retos esíxese o uso do hardware orixinal.
Tras desvelar estes feito, faise xustiza con Steve Wiebe, quen agora pasar a ser o primeiro xogador de Donkey Kong en ter superado o millón de puntos. Cómpre lembrar que Donkey Kong non só é un xogo moi divertido, que conserva a súa esencia ao longo do tempo, senón que tamén é un dos máis influíntes no mundo dos videoxogos, xa que o heroe sería o personaxe que daría pé á franquía de Super Mario e o inimigo a bater tamén contaría con numerosos xogos (entre os que podemos destacar a saga de Donkey Kong Country, que pronto terá unha nova entrega para Nintendo Switch).

PUBLICIDADE