O mes que vén volverá ás consolas Burnout Paradise
mércores, 21 de febreiro do 2018
No ano 2008 o xogo de condución Burnout Paradise causou sensación coas súas tolerías nas que
podiamos facer voar e esnaquizar os vehículos que percorrían a toda velocidade
as rúas de Paradise City, e para satisfacer as ansias dos moitos xogadores que
botaban a marca en falta o vindeiro 16 de marzo chegará a PlayStation
4 e Xbox
One a súa versión renovada, Burnout
Paradise Remastered, que máis adiante tamén contará con versión para PC
(en Origin).
Este xogo permítenos efectuar acrobacias ao volante tanto nas rúas da cidade
como nas estradas máis perigosas das montañas, e nesta remasterización inclúe todos os seus contidos descargables
orixinais (distribuídos no seu día en 8 lotes, sumando así máis de 150 vehículos)
e engade melloras visuais, de xeito que poderemos gozalo nuns estables 1.080p
nas consolas básicas e con gráficos
4K a 60 cadros por segundo en Xbox One X e PS4 Pro.
Burnout Paradise Remastered
convídanos a xogar cos amigos en liña, en partidas de ata 8 xogadores, contando
tamén con multixogador fóra de liña.
Tráiler de Burnout Paradise Remastered