O modelo de Carballo, na mesa sobre vocacións científicas organizada en Madrid por Pint of Science España
luns, 6 de abril do 2026

- A investigadora carballesa Nerea López Bolón nunha charla divulgativa na súa vila
A democratización do coñecemento e o acceso á ciencia fóra das grandes capitais serán os eixes centrais da mesa redonda Vocacións científicas sen fronteiras: rompendo barreiras sociais e territoriais, organizada desde Pint of Science España, que se celebrará o venres 17 de abril no Círculo de Bellas Artes de Madrid. Entre o panel de expertos destacados a nivel estatal figura o concelleiro de Innovación de Carballo, Iván Andrade Tasende, que tamén é o coordinador local do Pint of Science.
En palabras do Concello, “a súa participación subliña o éxito de Carballo como referente na divulgación científica, unha relevancia que se verá consolidada este ano con dous eventos relacionados co festival”. Estes eventos son por unha banda o Pint of Science Carballo (que se celebra os días 18, 19 e 20 de maio e que regresa un ano máis aos bares da localidade, achegando a ciencia á veciñanza nun ambiente relaxado e distendido) e máis o II Encuentro Pintero (os días 30 e 31 de maio), encontro nacional que se celebra na vila bergantiñá reunindo a organizadores e voluntarios do festival de toda España. Trátase dun evento de convivencia e traballo onde se deseñarán as estratexias de futuro para a divulgación científica no país.
Volvendo á xornada de Madrid, o obxectivo é “analizar por que case o 22% dos menores en España vive en situación de vulnerabilidade, o que limita o seu acceso a actividades STEAM, siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemática”, unha situación de discriminación que se agrava no rural pola dispersión xeográfica e a escaseza de centros culturais.
Iván Andrade participará no bloque de Políticas públicas para a equidade, no que compartirá mesa con figuras como Lucía del Moral Espín (asesora científica do Ministerio de Juventud e Infancia), Pura Fernández (vicepresidenta adxunta de Cultura Científica e Ciencia Cidadá no CSIC), e Patricia Aramayo, voceira de Educación no Formal, Voluntariado, Infancia e LGTBIQ no Consejo de la Juventud de España.
“É un orgullo levar a voz de Carballo a un escenario como o Círculo de Bellas Artes de Madrid, o que demostra que o noso concello é xa un referente en como conectar a ciencia coa sociedade de xeito inclusivo e lonxe dos grandes núcleos urbanos”, sinala Iván Andrade.
