O novo centro TIC de Lugo basearase na filosofía de traballo dos living labs

xoves, 3 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

O centro está situado no mesmo inmoble que a Fundación TIC

O Centro In Lugo do que falamos onte nesta web, posto en marcha para favorecer a innovación no eido do benestar social para colectivos desfavorecidos, aplicará no seu seo a filosofía de traballo dos living labs. Para facérmonos unha idea, terá puntos en común cunha iniciativa que xa coñecen ben os lectores de Código Cero, Ruraislab, probablemente o primeiro servizo destas características posto en marcha na nosa terra, neste caso co obxectivo de impulsar o papel da muller galega a través da colaboración e o traballo en liña. Esta filosofía, aplicada a In Lugo, dará como resultado unha plataforma de investigación que busca non deixar unha fronte sen cubrir. Ou sexa, que a través da colaboración de todas/os (non só das empresas que desenvolven ferramentas TIC no social, senón tamén dos futuros usuarios), conseguiranse servizos máis eficaces e competitivos. De feito, a gran liña de actividade do centro será probar proxectos empresariais de software para persoas con dependencia ou con diversidade funcional.
Segundo fai saber a Deputación de Lugo, responsable do dito centro de investigación, para a posta en funcionamento desta iniciativa traballouse ao longo de varios meses cos responsables de Citilab, proxecto habilitado en Cornellà de Llobregat, Barcelona, que se orienta a divulgar as vantaxes das novas ferramentas da información entre a cidadanía, sempre atendendo ás vantaxes sociais e de inclusión. Por certo que o Citilab pasa hoxe en día por ser o primeiro laboratorio cidadán dixital de Europa, centrándose unha boa parte dos seus obxectivos en sacarlle o máximo rendemento ás redes sociais.
Volvendo ao Centro In Lugo e as actividades ás que vai dar acubillo, dicir que estas xa deron comezo co obradoiro Lembranza Fotográfica e terán continuidade con cursos sobre as vantaxes do DNI electrónico, ofimática básica, redes sociais, alfabetización informática, seguridade en Internet, manexo de teléfono móbil, vídeo e fotografía dixital, e iniciación á fotografía réflex. Amais disto, informa a Deputación, impartiranse seminarios sobre prevención de riscos domésticos, políticas de igualdade, axudas e subvencións, e busca activa de emprego, así como de seguridade en Internet e organización das horas de estudo, estes dous últimos dirixidos ó máis pequenos.
De entre todo isto, e con interese especial para as empresas, cómpre salientar as xornadas que se van desenvolver no centro entre os días 12 e 19 de marzo e que se encamiñan a favorecer recursos para un posicionamento dos nosos produtos e servizos nas redes sociais, “que tanto peso teñen xa na comunicación”, infórmase. Ademais, o 30 de marzo celebrarase o Día de Software Libre, celebración que se aproveitará para instalar nos computadores das veciñas e veciños de Lugo e a súa contorna os programas OpenOffice ou LibreOffice.

Xeitos de participar

As persoas interesadas en participar nos programas de In Lugo poden informarse ou inscribirse no propio centro, en horario de 9:00 a 21:00 horas, de luns a venres; os sábados, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00, e os domingos, entre as 10:00 e as 14:00 horas; entrando na súa páxina web (www.inlugo.deputacionlugo.org) ou ben enviando un correo electrónico a inlugo@deputacionlugo.org As empresas ou emprendedores que desexen someter a test un produto ou servizo nas instalacións do centro tamén poderán solicitalo a través dos medios mencionados. O Centro de Investigación Social (In Lugo) pon ademais á súa disposición un equipo con vídeo conferencia para celebrar reunións empresariais.
Esta iniciativa”, engade a Deputación, “axudará a eliminar a fenda dixital na sociedade lucense, ó achegarlle as TIC -sobre todo ós colectivos máis desfavorecidos-, fomentará o envellecemento activo e impedirá o illamento dos veciños da provincia”. E continúa: “Para isto, ademais de implicalos no desenvolvemento de novos produtos e servizos destinados a mellorar a súa calidade de vida, organizará diversas actividades totalmente gratuítas e dirixidas a tódolos públicos, como obradoiros, cursos e seminarios, tanto nas súas instalacións, como polo resto da provincia, pois conta con equipos itinerantes”.

PUBLICIDADE