Vitae mergúllanos en febreiro na vertente máis áxil do testing de software

mércores, 24 de xaneiro do 2024 S. P.

Vitae Consultores vai organizar en febreiro un curso que aborda a importancia do testing de software dende unha vertente áxil, eficiente e eficaz, co obxectivo de achegar os resultados dun desenvolvemento á proposta desexada en inicio. Estamos a falar do curso ISTQB Agile Tester, de 16 horas de duración. Celebrarase os días 19, 20, 22, 26 e 27 de febreiro en formato de aula virtual.
A consultora galega introduce o curso salientando a importancia das probas áxiles, “que son unha aproximación ás probas de software que seguen os principios do desenvolvemento áxil de programas e ferramentas”. Para Vitae, os testers deben entender os principios e valores nos que se apoian os proxectos áxiles, xa que “eles mesmos son unha parte integrante do equipo de traballo xunto cos desenvolvedores e o negocio”.
O curso tamén pretende aclarar conceptos, xa que, segundo lembra a consultora, existe aínda moita confusión ao redor do concepto de probas de software áxiles, “é por iso que esta certificación outorga o coñecemento necesario ao tester para formar parte de equipos de traballo áxiles e para alcanzar un alto desenvolvemento profesional”.
Obxectivos
Colaborar nun equipo áxil transversal resultándonos familiares os principios e mellores prácticas do desenvolvemento software áxil.
-Adaptar a nosa actual experiencia e coñecemento en probas de software cara aos principios e valores áxiles.
-Dar soporte ao equipo áxil na planificación de actividades de probas.
-Aplicar métodos e técnicas de probas de software nun proxecto áxil.
-Asistir ao equipo áxil na automatización de probas.
-Colaborar co negocio na elaboración e definición de casos de usuario, escenarios, requisitos e criterios de aceptación segundo proceda.
-Traballar e compartir información con outros membros do equipo.
A quen vai dirixido
O curso está dirixido a profesionais da actividade de probas como testers, analistas e enxeñeiros de probas, así como responsábeis de calidade de software. Tamén se dirixe, dun xeito xenérico, a todos os profesionais que desexen alcanzar unha sólida visión do proceso de probas nun contexto áxil, así como contar cun recoñecemento internacional: xefes de proxecto, analistas de negocio, xerentes, consultores TI e integrantes de equipos de desenvolvemento.
A persoa encargada de impartir todos estes contidos será Aurelio Gandarillas, enxeñeiro en Informática e enxeñeiro técnico industrial en Electrónica, con máis de 25 anos de experiencia no sector das novas tecnoloxías da información e máis dunha ducia de anos como consultor e formador nos eidos do deseño, a implantación e a mellora dos procesos de desenvolvemento e calidade do software.

PUBLICIDADE