O novo xogo de Spider-Man chegará a PS4 en setembro

mércores, 4 de abril do 2018 Marcus Fernández

Nun par de semanas chegar God of War, un dos grandes xogos exclusivos para PlayStation 4 de 2018, existindo certas dúbidas sobre a data de lanzamento de Marvel’s Spider-Man, o outro exclusivo das consolas PlayStation que podería adiar o seu lanzamento até 2019 pero que, finalmente, fixou unha data de saída: o 7 de setembro.
O equipo de Insomniac Games ten xa bastante avanzado este esperado xogo exclusivo para PS4, que leva anos causando expectación entre os seareiros do Home Araña de Marvel, e que fuxirá da banda deseñada e dos filmes para contar unha historia de seu, o que podería ser todo un acerto se atendemos ao que aconteceu coa saga de Arkham de Batman (que ao distanciarse do cine conseguir ter unha identidade propia que callou a longo prazo).
Neste novo xogo Spider-Man loce un novo e avanzado traxe, no que combínanse numerosos elementos de deseño que puidemos ver ao longo das últimas décadas e da man de distintos artistas, sendo especialmente rechamante o feito de que a araña que loce Peter Parker en peito e costas é de cor branca.
O xogo comercializarase en varias edicións, contando a edición Digital Deluxe con contidos descargables adicionais (tres capítulos adicionais da historia La Ciudad Que Nunca Duerme que chegarán tras o lanzamento do xogo); mentres que a edición para coleccionistas incluirá unha funda steelbook coa araña branca, un libro de ilustracións e unha estatua creada por Gentle Giant da que polo momento só desvelan que aparece Spider-Man sobre un elemento do que non saberemos nada até o verán. Os compradores que reserven algunha destas edicións recibirán tamén un lote de traxes de Spider-Man, un Spider-Drone, un avatar para PSN, un tema orixinal de PS4 deseñado por Adi Granov e outros extras.

No xogo ofrecerá unha experiencia moi completa, na que Spider-Man poderá desencadear as súas numerosas habilidades
A edición para coleccionistas do xogo inclúe unha figura da que non se coñecerá o deseño final até o verán

Tráiler no que anuncian a data de lanzamento de Marvel’s Spider-Man

PUBLICIDADE