O plan básico con anuncios de Netflix ten problemas de compatibilidade

venres, 4 de novembro do 2022 Marcus Fernández

O vindeiro xoves botará a andar en España o plan básico con publicidade de Netflix, pero esta nova modalidade de contratación xa está dispoñible en 11 países, polo que comezaron as queixas por parte de usuarios con dispositivos que non son compatibles coa tarifa máis básica da plataforma de streaming, xa que só contaban con que iso pasase con dispositivos de certa antigüidade, pero resulta que afecta a trebellos bastante recentes como os reprodutores Apple TV (aínda que estes últimos aseguran que serán compatibles en breve).
Aínda que dende Netflix aseguran que só hai «unha pequena porcentaxe de dispositivos que si son compatibles cos nosos plans sen anuncios e non o son co plan básico con anuncios», concretando só na sección de axuda do servizo que a incompatibilidade afecta ás tres primeiras xeracións de Chromecast (ou sexa, os que non teñen Google TV), a todos os Apple TV, á PlayStation 3, a dispositivos que funcionen con versións de iOS inferiores á 15 ou a dispositivos con versións de Android inferiores á 7.
Os usuarios con dispositivos incompatibles non deberían contratar a nova modalidade de Netflix, xa que non poderían gozar da mesma, mentres que os usuarios de Apple TV deberán agardar a que Netflix actualice as súas aplicacións para incorporar compatibilidade cos anuncios.
Tamén están a apuntar que o plan con anuncios carece de contidos máis que notables da plataforma, como serían as series The Crown, Cobra Kai, Breaking Bad, House of Card ou Peaky Blinders, xa que Netflix carece dos dereitos para poder ofrecer o material baixo un modelo de negocio baseado en publicidade.

PUBLICIDADE