O podcast Aquí faltan páxinas pon en valor as cantareiras de Gargamala na Praza de Abastos de Mondariz

venres, 9 de xaneiro do 2026 S. P.

O papel das mulleres de Gargamala como as “grandes depositarias da tradición oral e musical da nosa terra” acaba de protagonizou un novo faladoiro podcast do programa provincial Aquí faltan páxinas, a iniciativa coa que o organismo está a rescatar as historias de mulleres que non adoitan ser contadas a través de faladoiros e arquivos sonoros subidos á Rede.
No acto, no que participou a deputada de Igualdade, Paula Bouzós, e o alcalde de Mondariz, Pablo Barcia, tomaron a palabra Xulia Feixoo, Lealdina Amil e María González para recordar o papel que desenvolveron e desenvolven as tocadoras e cantareiras desta parroquia na conservación do patrimonio cultural e inmaterial. A sesión pechouse da man da música e son das voces das propias cantareiras de Gargamala.
Bouzós subliñou o papel destas mulleres como “transmisoras de saberes que sobreviven o paso de xeracións, mantendo viva a música, as historias, os refráns e as formas de falar propias da contorna de Mondariz”. Lembrou como as cantareiras e tocadoras de Gargamala, “reunidas en fiadas, seráns e festas, acompañaban os labores do campo e as celebracións con harmonías aprendidas de memoria, mantendo viva a música, as historias, os refráns e as formas de falar propias da contorna de Mondariz”. Por este motivo, a deputada remarcou que “elas son as auténticas gardiás da identidade local e a súa contribución é esencial para comprender a riqueza do folclore galego”.
A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros.
Xa foi organizado un faladoiro sobre as alfombristas, outro sobre Juaniña do Porriño, sobre as nais contra a droga, sobre Dona Concha en Portas, e, tralo organizado en Mondariz para narrar a historia das cantareiras de Gargamala, chegarán outras sesións centradas nas mulleres do mundo do viño, na soprano de zarzuela Matilde Vázquez, na fotógrafa e xornalista Corona González, na bióloga Marisol Soengas, na arquitecta Rita Fernández Queimadelos, na cineasta Cruz Risco e nas primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.
Lembrar que a colección do programa Aquí faltan páxinas pode consultarse tanto na web institucional como en iVoox e Spotify.