O portal Proxector comeza curso mergullándonos nos segredos da Física
martes, 12 de setembro do 2023
A USC (Servizo de Normalización Lingüística) e
o Consello da Cultura Galega (Centro de Documentación
Sociolingüística) comezaron o curso 2023-2024 achegándonos novos
contidos e novos formatos para o portal Proxector, iniciativa web
habilitada coa finalidade de aproximarnos á divulgación e ao
coñecemento investigador, ao tempo que se dinamiza o uso do galego
nestes ámbitos. As novidades son un convite a afondar nos segredos
da Física. Preséntase
baixo o título Escolma para ver e escoitar Física e
é da autoría de Cibrán Santamarina Ríos, director do Departamento
de Física de Partículas da USC.
Segundo conta o propio Cibrán, nesta pequena
escolma persoal observaremos “contidos accesíbeis e moi completos,
guiados pola paixón por comunicar e as indubidábeis capacidades
didácticas dos seus autores e autoras”. Por exemplo o físico
Alejandro Vilar, de quen se ofrece un audiovisual introdutorio, a
escritora e filóloga Estíbaliz Espinosa, que propón unha viaxe
entre a lírica e a ciencia, ou os divulgadores Darío Lago e Xabier
Pérez Couto, referentes en material audiovisual sobre física en
galego. A escolma tamén inclúe (entre outras cousas) unha peza que
resume a traxectoria de Antonia Ferrín, astrónoma galega, máis
unha entrevista a Jocelyn Bell organizada pola Agrupación
Astronómica Ío. A maiores, María Caseiro e Juan García contan
cales son as necesidades tecnolóxicas do CERN (o Consello Europeo
para a Investigación Nuclear).
Proxector
é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos
audiovisuais de apoio á docencia en lingua galega no ensino medio,
bacharelato e ensino universitario. Na actualidade, conta con 1328
materiais publicados de 33 áreas temáticas diferentes.
A iniciativa orixinal foi deseñada polo Servizo
de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de
Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo
Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación
Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou
a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na
edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias
no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou
asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos
e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio
web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa
temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel
de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores,
ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada
recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos
diferentes despregábeis, que permiten filtrar os resultados segundo
os criterios de clasificación antes citados.