O portal Proxector mergúllanos nos segredos do universo cun especial adicado á astronomía

mércores, 6 de xullo do 2022 S. P.

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago e o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, dependente do Consello da Cultura, compartiron con nós novidades relativas a Proxector, iniciativa web posta en marcha co obxectivo de aproximar á cidadanía a divulgación e o coñecemento investigador, ao tempo que aposta de cheo polo galego. En concreto, Proxector publicou este 5 de xullo un especial adicado á astronomía, baixo o título O universo: unha fascinación en continua expansión.
O especial, que tamén se pode ver en formato presentación e nas redes sociais do SNL da USC, móstranos como iniciarnos na observación astronómica e lémbranos que na nosa terra temos o privilexio de contar con importantes zonas sen contaminación lumínica e con espazos concretos, como por exemplo o Parque Nacional das Illas Atlánticas, Trevinca e Muras, que gozan da certificación oficial de "destino turístico Starlight", e polo tanto, achegan unha excelente calidade de ceo e son exemplos de protección e conservación.
O especial complétase con vídeos da canle AstroXabi, na que Xabier Pérez Couto explica conceptos básicos de astronomía e amosa as súas observacións nocturnas; de Marcos Pérez Maldonado, director técnico da Casa das Ciencias no Naukas Coruña 2017, quen reflexiona sobre o tipo de astronomía que estamos a aprender nunha época en que os novos descubrimentos sobre o cosmos chegan ata nós filtrados polos medios de comunicación e polas redes sociais; ou de Borja Tosar, astrónomo e colaborador do Planetario da Coruña, quen explica que cousas hai no ceo e como se moven eses obxectos. Tamén hai audiovisuais da NASA, de GCiencia, e conversas coas prestixiosas investigadoras Jocelyn Bell (dirixida á publico galego e conducida pola astrofísica galega Ana Ulla) e Burçin Mutlu-Pakdil (que nos explica como o seu equipo descubriu un novo tipo de galaxia, tan peculiar e diferente ás outras, que desafía as teorías e suposicións existentes sobre o funcionamento do universo).
Nova andaina de Proxector
Impulsada en 2015 polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago, a páxina comezou o ano 2022 con novos folgos e, nun plano máis concreto, con 600 vídeos didácticos feitos ou subtitulados en galego.
Esta segunda vida de Proxector foi dada a coñecer en xaneiro por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) e Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O gran obxectivo, sinalaron, é “mostrar materiais científicos, de calidade e na nosa lingua, dirixidos a docentes e alumnado universitario e de ensino medio”.
Importantes novidades
Segundo explicaron daquela Álvarez e Feijoo, o portal vén este 2022 con “importantes novidades”. Dunha banda, “todos os vídeos están aloxados no repositorio creado polo do CCG, o que lle dá unha maior estabilidade e difusión”, explicaron, poñendo o foco noutro punto destacado do novo periplo virtual de Proxector: a súa expansión cara ao ensino secundario, o que lle vai permitir actuar “nuns ámbitos relevantes para a normalización lingüística, a ESO, o Bacharelato e o FP”, ámbitos onde por lei non é posíbel achegar determinados recursos na nosa lingua.
Os ámbitos temáticos son moitos e variados no portal (antropoloxía social, bioloxía, dereito, economía, comunicación audiovisual, xornalismo), que se ben non produce contidos propios, ten capacidade para concentrar nun espazo único materiais que existen noutras redes, xa filtrados e etiquetados, actuando deste xeito de punto de encontro divulgador. Por outra banda, achega aos estudantes especiais que agrupan materiais sobre aspectos de actualidade ou relevantes.
Funcionamento de Proxector
Os vídeos do portal están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados, e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre e/ou os diferentes despregábeis que permitirán filtrar resultados. “Co ánimo de apoiar a introdución do portugués no sistema educativo galego, tamén ofrecemos vídeos gravados ou subtitulados neste idioma”, explicaron aos asistentes á presentación do portal.
Aínda que esta nova etapa conta con 600 vídeos, Proxector é un catálogo que está en continua actualización e está pensado para que a comunidade didáctica engada contidos.
Os comezos
A Universidade de Santiago puxo a andar en 2015 unha iniciativa para compilar recursos educativos en galego. Fíxoo a través do portal educativo Didactalia e só para o eido universitario. En 2018 o Consello da Cultura Galega, a través do seu Centro de Documentación Sociolingüística, súmase á iniciativa e comeza a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o Consello da Cultura Galega acordou asumir tamén a custodia dos datos que foron compilados ao longo destes anos, que a partir de agora estarán ao dispor da cidadanía.

PUBLICIDADE