O primeiro Onimusha terá versión renovada en xaneiro

martes, 28 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Semella que estamos nun momento moi prolífico en remakes e remasterizacións de videoxogos clásicos, con numerosos retornos e incluso secuelas, sendo toda unha sorpresa o anuncio de Capcom fixando no 15 de xaneiro de 2019 o lanzamento do xogo Onimusha: Warlords para PlayStation 4, Xbox One, Nintendo Switch e PC (Steam), recuperando así un clásico de acción e loita con espadas de 2001.
A nova versión de Onimusha: Warlords contará con gráficos de alta resolución, opción de pantalla panorámica, compatibilidade con stick analóxico, unha opción de modo doado e unha nova banda sonora. Conscientes das limitacións deste xogo, o eu prezo de venda en todos os sistemas será de 19,99 euros.
Onimusha: Warlords narra as aventuras do samurai Samanosuke Akechi e a kunoichi Kaede na súa misión de rescate da princesa Yuki de mans da lexión de demos que invadiron o castelo Inabayama. No xogo haberá que recorrer tanto á forza como á creatividade para derrotar aos inimigos demoníacos, empregando a súa destreza coa espada, a luva máxica Oni e resolvendo quebracabezas.

Tráiler de presentación de Onimusha: Warlords

PUBLICIDADE