O programa Sé Dixital preséntase na Rede CeMIT

martes, 17 de outubro do 2017 Redacción

O IGAPE e a AMTEGA en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e o operador de telecomunicacións Orange organizan o vindeiro xoves a xornada de presentación do programa Sé Dixital, que se retransmitirá desde as instalacións do Centro Demostrador TIC Galicia a través de videoconferencia a 11 aulas CeMIT en horario de 10:00 a 11:00 horas.
Sé Dixital é un programa para fomentar a transformación do tecido empresarial de municipios e vilas, co fin de acadar unha rápida e efectiva adaptación destas poboacións e os seus habitantes aos retos que require a nova economía dixital global. Este plan de formación online de balde contribúe a que empresarios e emprendedores locais desenvolvan as súas habilidades dixitais e melloren as súas actividades profesionais gracias ao aproveitamento das novas tecnoloxías.
O obxectivo é que todas as persoas que participen nestes cursos poidan adquirir formación nas competencias que esixe a nova economía dixital, algo fundamental para fortalecer a competitividade e impulsar o emprego e a transformación dixital nos municipios e vilas. Este programa inclúe vídeos explicativos e testemuñas sinxelas que son accesibles a través dunha plataforma de teleformación, con contidos que acadan as 20 horas de formación amena e directa, obténdose un certificado da EOI ao remate do programa.
As persoas interesadas en seguir esta xornada poden acercarse á aula do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela ou ben a calquera das aulas CeMIT de Boiro, Carballedo, Celanova, Fisterra, Leiro, Ortigueira, Porriño, Ribadeo, Sada ,Sarria e Valga, que amosaron o interese en retransmitir a través de videoconferencia a dita xornada e así poder evitar desprazamentos innecesarios.
Por outra banda, de xeito complementario e no marco do convenio asinado pola Xunta de Galicia, a través do IGAPE, a EOI e Orange, en breve está prevista a realización de cursos no marco deste programa nas seguintes localidades: Viveiro e Monforte de Lemos, na provincia de Lugo; Verín, Carballiño, O Barco e A Rúa, en Ourense; Carballo e Arzúa na provincia da Coruña; e Vilagarcía de Arousa, A Estrada, Redondela e Marín en Pontevedra.

Infografía sobre o programa Sé Dixital

Vídeo promocional do programa Sé Dixital

PUBLICIDADE