O proxecto A Vila do Mañá proseguirá en formato virtual o seu traballo de transformación urbana

venres, 18 de decembro do 2020 Redacción

O proxecto A Vila de Mañá, destinado a transformar os lugares nos que vivimos en sitios mellores e amigábeis coa nenez, foi presentado este xoves nos seus detalles pola Deputación da Coruña (unha das entidades que envorca esforzos en apoiar esta iniciativa, xunto con Concellos como o de Carballo, Ribeira, Ames, Rianxo, Santiago, A Pobra do Caramiñal ou Ferrol, entre outros). Ademais, este ano a iniciativa terá unha marcada vertente dixital.
Cambiar o concepto dos espazos urbanos e facelos habitábeis para as persoas, coas urxencias que impuxo a crise sanitaria, é o obxectivo renovado desta edición 2020 do proxecto A Vila do Mañá, que conta co apoio da Deputación da Coruña a través da liña de subvencións en concorrencia competitiva para proxectos singulares.
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, a coordinadora Sandra González e a arquitecta, Luz Paz presentaron o libro A vila do mañá en tempos de pandemia na Deputación da Coruña. A obra recolle a experiencia do proxecto en Arzúa como modelo de actuación na nova normalidade e “co obxectivo de construír coas novas xeracións un futuro mellor para as persoas en vilas e cidades”.
Formato virtual
Días antes, o Concello de Carballo anunciou que “dous anos despois dunha primeira e proveitosa experiencia co proxecto A Vila do Mañá”, vaise recuperar cun formato virtual que permitirá seguir involucrando á nenez “no deseño dun Carballo do futuro no que tamén haberá que ter en conta todos os cambios que a COVID-19 está traendo ás nosas vidas”.
Segundo fixo saber a creadora da iniciativa, a arquitecta Sandra González Álvarez, para manter a esencia das actividades (antes presenciais e agora virtuais) créase unha caixiña cos materiais necesarios para realizar as diferentes accións que se lle proporán aos participantes a través dunha área privada na páxina web A Vila do Mañá. Así, haberá actividades que os participantes deberán realizar tanto dentro coma fóra da casa, contribuíndo a converter a vila bergantiñá “nun taboleiro semellante ao do xogo da oca, pero conformado por aqueles elementos arquitectónicos, urbanísticos, paisaxísticos e culturais que configuran a vila”.

PUBLICIDADE