O proxecto MultiGenera da USC, premiado pola Fundación BBVA
martes, 16 de xaneiro do 2018
- De esquerda a dereita, Carlos Valcárcel, María José Domínguez, María Teresa Sanmarco e Isaac González. Foto: Fundación BBVA
A
Fundación
BBVA vén de distinguir un proxecto da Universidade de Santiago ao
abeiro do seu certame de axudas a prol da investigación científica
en Humanidades Dixitais. O proxecto galego, seleccionado entre
143 achegas e premiado xunto con outras catro propostas doutras
universidades, é
Xeración multilingüe de estruturas argumentais
do substantivo e
automatización de extracción de datos sintáctico-semánticos
(MultiGenera).
Segundo informa a USC, a convocatoria da Fundación BBVA premia
as contribución a un uso innovador das tecnoloxías da información
e de técnicas estatísticas avanzadas para o tratamento de obxectos
propios das Humanidades. Os outros catro proxectos financiados por
esta convocatoria desenvolveranse nas universidades de Girona,
Lleira, Autónoma de Barcelona e Politécnica de Valencia.
O
equipo de investigación galego está integrado por trece
especialistas que coordina María José Domínguez Vázquez, xunto a
quen tamén participa Teresa Sanmarco Bande, Mónica Mirazo Balsa e
Laura Pino Serrano da Universidade de Santiago de Compostela. O resto
do equipo confórmano: Rosa Martín Gascueña (Universidade
Complutense de Madrid); David Lindemann (Universität Hildesheim);
Natalia Catalá Torres (Universidade Rovira i Virgili); Carlos
Valcárcel Riveiro (Universidade de Vigo); Isaac González López
(CIFP Politécnico); Alberto Bustos Plaza (Universidade de
Extremadura); José Antonio Calañas Continente (Universitat de
València); Carolin Müller-Spitzer e Sascha Wolfer (Institut für
Deutsche Sprache).
MultiGenera ten como principal
obxectivo o deseño dun prototipo de aplicación lingüística
didáctica que xere de maneira automática estruturas nominais con
información semántica. A través dunha metodoloxía de fornece ás
estruturas nominais de significado, a idea é facer que “a busca en
bases de datos léxicas de diferentes idiomas se faga con maior
rapidez e eficacia, de xeito que poderá ser un reforzo fundamental
para a investigación en lingüística”, engade o equipo
responsábel do proxecto, explicando tamén que as estruturas
incorrectas que se poidan xerar permitirán mellorar as regras polas
que funcionan os tradutores automáticos, “dotándoos así de maior
rigor, precisión e similitude coa linguaxe natural (NLP)”.
O
obxectivo é que MultiGenera achegue unha manchea de
exemplos útiles en eidos como a docencia, a gramática contrastiva,
os novos dicionarios (mesmo actualización dos antigos) ou a
tradución automática.