O proxecto galego E-Space dotará de intelixencia os interiores dos vehículos

luns, 15 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

O coche intelixente xa non é unha utopía. Estase a impulsar ben preto da nosa casa: dende a Unidade Mixta de Investigación E-Space. Este mes de xullo puidemos saber máis detalles do proxecto co gallo da posta en marcha oficial da unidade e da visita do conselleiro de Economía, Francisco Conde, á sede do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), no Porriño, que é onde colle corpo a devandita UMI da man do CTAG e o Grupo Antolín, co apoio director da Axencia Galega de Innovación (GAIN). O obxectivo da unidade é crear novas solucións de electrónica avanzadas que doten de intelixencia aos compoñentes do interior de cara aos futuros coches eléctricos e conectados.
A Unidade de Mixta de Investigación E-Space carrexa un investimento en Galicia de preto de 2,3 millóns de euros, dos que a Xunta achega o 30%, para avanzar, a través da aplicación de tecnoloxías que marcan un antes e un despois (tecnoloxías disruptivas) na investigación de conceptos asociados a elementos do interior do vehículo, “incorporando a electrificación e respondendo ás necesidades do mercado”, lembrou o conselleiro.
En termos máis concretos, a UMI fai avanzar conceptos “esenciais para o futuro do sector do motor”, como son a iluminación funcional, sistemas de recoñecemento HMI para unha mellor relación entre o usuario e o automóbil e a inclusión de sensores para favorecer o confort e a seguridade. Segundo Conde, “os elementos do interior do vehículo van ser elementos diferenciadores permitindo integrar novas solucións e servizos”.
O conselleiro agradeceu o traballo que está a facer o CTAG que conta con 400 profesionais que están a deseñar novos prototipos e optimizando proxectos e puxo en valor ao Grupo Antolin “por identificar que en Galicia existe un espazo para xerar valor e diferenciarse e para desenvolver estas tecnoloxías”. De feito, destacou que o Grupo Antolín ten presenza en 28 multinacionais.

PUBLICIDADE