O proxecto galego Montenoso, recoñecido no prestixioso certame internacional Prix Ars Electronica

martes, 3 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

A edición 2014 do certame Prix Ars Electrónica, se cadra o festival de meirande prestixio dentro da arte dixital e multimedia, terá presenza galega. Máis polo miúdo a dos responsábeis do proxecto Montenoso, que obtivo un importante recoñecemento no dito certame, segundo sinalan os creadores da dita iniciativa “o primeiro recoñecemento de Prix Ars Electronica que vai dar a un proxecto galego”. En detalle, obtivo a Mención de Honra na categoría Comunidades Dixitais pola proposta Comúns rurais comúns dixitais.
En total, 2.703 aplicacións foron emitidas dende 77 estados para as seis categorías nas que se divide o festival. Os premios outorgaranse no Ars Electronica que se vai celebrar do 4 ao 8 de setembro en Linz, Austria.
Segundo engaden os responsábeis de Montenoso, este é un proxecto colaborativo, transparente e aberto, “que xorde co obxectivo de promover e revalorizar as comunidades de montes veciñais en man común de Galiza e outros tipos de comúns rurais”. O proxecto, explican, procura traballar os bens comúns como espazos de socialización e de transferencia de coñecemento.
Consta, na parte tecnolóxica, dunha plataforma en liña para a colaboración dos seus membros (os integrantes das comunidades de montes do noso país a través) a través dunha base de datos que vencella unha cartografía expandida, un sistema de visualización de datos, un noticiario e unha wiki semántica.
Para a súa materialización, os impulsores de Montenoso botaron man de software e licenzas libres como por exemplo as Creative Commons, por ser este tipo de ferramentas as que, a fin de contas, máis se asemellan ao xeito ancestral e colectivo de traballar e xestionar os nosos montes. Dito doutro xeito: proxectos como Montenoso son unha adaptación fiel ao plano tecnolóxico dunha realidade coa que levamos convivindo durante séculos. “Os montes veciñais en man común”, explican, “son un tipo de terras comunais que representan un modelo de propiedade que racha coa dicotomía clásica de público e privado, sendo unha alternativa de propiedade colectiva”. E engaden: “A especifidade destas terras é determinada polo feito de que os propietarios son as persoas que viven no lugar, e non se poden herdar, senón que pasan de veciñas/os a veciñas/os”.
Montenoso traballa con estas comunidades veciñais desde as súas realidades, nun micro nivel, combinando o potencial político e artístico dos sistemas dixitais con outras redes offline. Estamos polo tanto ante un grupo transdisciplinar de persoas “que traballan dende as artes dixitais, o estudo dos comúns, a comunicación en liña, o empoderamento e axitación rural e a arquitectura social”, tal e como se define o colectivo impulsor deste proxecto, unha fronte integrada polos seguintes colectivos e persoas:
Rural Contemporánea _ Iñaki López
Asociación Artesáns de innovación _ Fran Quiroga
Fur Alle Falle _ Vanesa Castro
Tecnoloxías Apropiadas _Alex Mikelinos
Constelaciones_Andrea Olmedo
Todos eles traballan con distintas comunidades de montes veciñais en man común como as de Argozón, Valladares, Mántaras, Torres-Vilamateo, Mouriscados, Guillade e Ombre. Malia contar co apoio de institucións como o Medialab Prado, Intermediae, o GIST-IDEGA da USC, ou o Museo do Pobo Galego, sinalan que “ata o momento non se dispón de ningún tipo de financiamento”. E explican ao fío deste baleiro de apoios: “A precariedade caracteriza o proceso de traballo destes colectivos polo que dende Montenoso aproveitamos a ocasión para reivindicar un apoio real das institucións culturais galegas neste tipo de proxectos”.

PUBLICIDADE