O reto Impulsa Vigo busca un proxecto innovador para dar o salto dixital

luns, 16 de marzo do 2026 S. P.

A axencia viguesa Esterea quere premiar o talento local con motivo do seu 15 aniversario. Con este obxectivo puxo marcha Impulsa Vigo, unha convocatoria aberta dirixida a ideas, proxectos e iniciativas vinculadas á cidade que se atopen en fase inicial e que aínda non conten con presenza dixital.
A acción enmárcase na celebración do 15 aniversario da axencia e nace cun obxectivo claro: apoiar un proxecto innovador de Vigo para que poida dar o salto á contorna dixital cunha base sólida e acompañamento profesional durante o seu primeiro ano.
A convocatoria está aberta a calquera persoa ou equipo que teña base en Vigo ou manteña unha vinculación directa coa cidade, sempre que o proxecto presentado non dispoña aínda de páxina web. O prazo para enviar candidaturas ficará aberto ata o 23 de marzo ás 23.59 horas, a través do formulario habilitado por Esterea.
De entre todas as candidaturas presentadas, un xurado profesional seleccionará tres propostas con potencial de crecemento.
O proxecto gañador anunciarase o vindeiro 26 de marzo, a partir das 18.00 horas, no MARCO – Museo de Arte Contemporánea de Vigo, durante unha xornada sobre comunicación dixital e innovación, organizada por Esterea, e que reunirá na cidade profesionais e referentes do ámbito da marca, a tecnoloxía e o emprendemento dixital.
O premio inclúe o deseño e desenvolvemento dunha web ou ecommerce a medida, o rexistro de dominio e aloxamento durante o primeiro ano e unha estratexia de mercadotecnia (marketing) dixital con seguimento durante doce meses, que combinará definición estratéxica, posta en marcha e titorías mensuais de acompañamento.
Xornada profesional
O programa da xornada sobre comunicación dixital e innovación incluirá tres conversas centradas nalgúns dos grandes temas que hoxe marcan a evolución das empresas. Baixo o título Marcas con alma: crear valor máis aló do clic, participarán Jorge Pallarés, ex-CMO de Pizza Móbil e Martín Códax, e Betty Lepina, interim xestor CDO de Coosy, nunha charla sobre branding, performance e construción de valor en contornas dixitais.
O bloque O poder transformador da tecnoloxía e a innovación reunirá a José Iglesias, co-fundador de Hawkings Education, e a Luis Álvarez Sestelo, CEO e co-fundador de Optare Solutions, para reflexionar sobre innovación, intelixencia artificial e transformación tecnolóxica.
Pola súa banda, o encontro Emprender en dixital: o camiño propio contará con Amil López, de Dieta Coherente e Farmaciavieitez.com, e Vanesa Rivas, de Festigaleiros.com, que compartirán a súa experiencia á hora de construír proxectos dixitais desde Galicia con identidade propia.
Ademais, contará coa presenza de Roberto Rodríguez, CEO de Dathum, empresa líder en IA e recursos humanos.
Con esta iniciativa, Esterea busca “devolver á cidade parte do recibido durante estes anos”.
“Despois de 15 anos medrando en Vigo, queriamos celebrar este aniversario xerando unha oportunidade real para alguén que aínda está a empezar. Impulsa Vigo nace desa idea: poñer o noso coñecemento, as nosas ferramentas e a nosa experiencia ao servizo dun proxecto que necesite ese empuxón para ter visibilidade”, sinala José Alcañiz, fundador e CEO de Esterea.
As bases completas do reto e o formulario de inscrición están dispoñibles en liña.