O sector comercial e artesán galego dispón de 2 millóns de euros en axudas para a transformación dixital
xoves, 20 de xullo do 2023
A Xunta
concedeu apoios por preto de 2 millóns de euros a través das axudas
para impulsar a transformación dixital e a modernización do sector
comercial e artesán galego. Destes apoios estanse a beneficiar
400 negocios de toda Galicia, que realizarán investimentos por un
total de 2,4 millóns de euros. O director xeral de Comercio e
Consumo, Manuel Heredia, visitou este mércores 19 de xullo na Coruña
un dos participantes no programa, o establecemento Nomad, tenda e
estudio de interiorismo.
Nomad, no marco desta iniciativa, obtivo apoios
para o mantemento da páxina web, a mellora de ferramentas de
posicionamento dixital, a xestión de redes sociais e a imaxe
dixital.
No conxunto da provincia da Coruña resultaron
beneficiarios desta iniciativa da Administración autonómica 156
negocios, con axudas por máis de 770.000 euros cos que se impulsa un
investimento público-privado de preto dun millón de euros.
Na convocatoria podían participar pequenas e
medianas empresas comerciais de menos de 20 traballadores e
obradoiros artesáns, co obxectivo de “apoiar ao sector comercial e
artesán para que aproveite todas as oportunidades tecnolóxicas para
conectar co cliente e achegue unha experiencia de compra única e
personalizada”.
Cunha intensidade de axuda do 80% do investimento
subvencionábel, a convocatoria conta con dúas liñas de actuación.
A primeira delas céntrase na dixitalización, e inclúe diferentes
tipos de apoio en función do desempeño previo dos beneficiarios
neste eido, do número de empregados e se teñen ou non tenda física.
Entre as actuacións a apoiar incluíase a implantación de páxinas
web e a adquisición de equipamentos informáticos; ferramentas de
visibilidade dixital en buscadores e redes; loxística para o
comercio electrónico; sistemas dixitais de stock integrado no punto
de venda e de control de acceso; así como xestores de redes sociais
e o mantemento da páxina web, entre outros aspectos. O importe
máximo das axudas neste apartado podía alcanzar os 17.600 euros.
Por outra banda, a través da liña de
modernización podíanse obter apoios de ata 5.600 euros para a
adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e
artesanal.