O sector turístico compostelán contará co asesoramento formativo de expertos en turismo e TIC

venres, 9 de outubro do 2020 S. P.

Expertos en Turismo e novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) impartirán en Compostela un curso dirixido ás empresas, aos autónomos e aos profesionais locais do sector. O obxectivo: facilitarlles a plena adaptación ás novas esixencias dixitais que marca a pandemia, onde boa parte das operacións e actividades turísticas (xestión, promoción, comunicación, reservas, etc) pasan a ter unha marcada vertente online. O encargado de coordinar o curso é o Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) da Universidade da Santiago.
O curso, que será impartido totalmente online, achégase como unha resposta ás demandas de actualización do sector turístico en novas tecnoloxías, “nun momento no que a presenza en Internet é crucial”, explica o Concello, engadindo que a formación terá un carácter práctica e irá dirixida a hoteleiros, hostaleiros, guías turísticos, pequenos e medianos touroperadores, firmas de receptivos, empresas de organización de congresos e eventos, etc. Formaráselles en ámbitos como a creación e actualización de páxinas web, en identidades dixitais e marcas, en estratexias de comunicación, en mercadotecnia en liña, en como aproveitar as posibilidades da xeolocalización, en como poñer en marcha centrais de reserva e pasarelas de pagamento online, e “en moitas outras destrezas informáticas que serán abordadas no curso”. Tamén se prestará atención ás novas tecnoloxías nas relacións e a comunicación interna das empresas, así como nas relacións coa administración.
O curso, que conta co apoio da Deputación da Coruña, desenvolverase durante 5 xornadas en horario de tarde. En concreto, levarase a cabo os xoves 22 e 29 de outubro, e 5, 12 e 19 de novembro de 2020. Será impartido por profesores universitarios de recoñecido prestixio que compaxinan a súa actividade académica profesional coa actividade na empresa privada.
O 22 de outubro, a sesión inicial estará a cargo de Antonio Toré e Fernando Navarro, investigadores do Instituto de Intelixencia e Innovación Turística da Universidade de Málaga. O 29 de outubro e o 5 de novembro contarase coa presenza de José Ramón Porto, profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Finalmente, os días 12 e 19 de novembro a formación será impartida por Gersón Beltrán, profesor da UOC e recoñecido consultor en novas tecnoloxías e turismo.
A inscrición é de balde ata un límite de 100 prazas, e pódese realizar enviando un correo electrónico a cetur@usc.es, detallando nome completo así como empresa ou organización á que se pertence. O prazo de matrícula ficará aberto ata o 20 de outubro de 2020.

PUBLICIDADE