O segundo Congreso XoveTIC acollerá a entrega de cinco galardóns

martes, 3 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Exterior do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, o CITIC

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña celebra esta semana, entre o 5 e o 6 de setembro a segunda edición do Congreso XoveTIC, a primeira gran cita tecnolóxica e innovadora da tempada post-vacacional na nosa terra. Como novidade, o congreso está integrado na 27a Conferencia Europea de Procesamento de Sinais (EUSIPCO 2019), que ten lugar na Coruña do 2 ao 6 de setembro. Da conferencia falamos onte polo miúdo en Código Cero, salientando entre outras cousas a relevancia do seu equipo de investigadores participantes, tanto en número (uns 800) como en prestixio (son os máis referenciais expertos mundiais en procesamento de sinal). No evento entregaranse cinco galardóns.
O Congreso XoveTIC está destinado a mozos investigadores (predoutorais e posdoutorais) de universidades galegas e do norte de Portugal, que poderán presentar comunicacións orais ou pósteres das súas investigación no ámbito das TIC.
O obxectivo do evento, en palabras do CITIC, é “construír un espazo de encontro para o debate científico e contribuír así á súa formación”.
Ademais, o congreso contará con relatores, investigadores e persoeiros pertencentes ao ámbito da industria de relevancia internacional.
Cómpre sinalar que ao abeiro de XoveTIC concederanse cinco premios destinados a recoñeceren calidade, a excelencia e a orixinalidade das comunicacións orais mellor valoradas por parte do comité científico. Os galardóns entregaranse no acto de clausura por representantes das entidades patrocinadoras: o Clúster TIC Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Cátedra Handytronic-Grupo Telecon e a Cátedra UDC-Everis en Transformación Dixital, o Instituto Teconolóxico de Galicia (ITG) e Indra.
Programa de actividades
· 5 de setembro de 2019 – CITIC
09:00 h – 09:30 h Recepción de asistentes
09:30 h – 10:00 h Sesión de apertura
10:00 h – 11:00 h Conferencia plenaria: Innovación na era dixital
Francisco Servia Fiuza, senior product manager, Amazon
Nesta conferencia abordarase o concepto da innovación na era dixital, revisando os principais cambios que a motivan e os procesos e mecanismos que permiten ás empresas innovar cada vez máis rápido nun mundo interconectado e global. Todo iso, cun claro foco no cliente e na súa experiencia como principais catalizadores para o éxito ou o fracaso dun produto ou servizo, así como das organizacións na súa totalidade.
11:00 h – 12:10 h Comunicacións orais
12:10 h – 12:30 h Pausa café
12:30 h – 14:30 h Comunicacións orais
14:30 h – 16:00 h Xantar de networking
16:00 h – 18:00 h Obradoiros:
Object Tracking for automatic dataset generation, Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG)
Como empregar técnicas de Object Tracking para transformar secuencias de vídeo en conxuntos de imaxes etiquetadas de forma automática, coas que poder adestrar CNN para realizar a detección de ese obxecto.
Realidade aumentada, principios e aplicación práctica, Xoia Software Development
Percorrido polas técnicas de Realidade Aumentada e Realidade Virtual. Dende a empresa Xoia describiranse experiencias de éxito que están a funcionar empregando a tecnoloxía de Realidade Aumentada. Verase como estas novas formas de interacción entre o mundo virtual e real están a revolucionar diferentes ámbitos da vida cotiá así como empresarial.
· 6 de setembro de 2019 – PALEXCO
09:00 h – 10:00 h Conferencia plenaria: Graph Neural Networks
Alejandro Ribeiro, Departamento de Electrotecnia e Enxeñaría de Sistemas, Universidade de Pensilvania
As redes neuronais convolucionais (CNN) son arquitecturas de procesamento de información en capas nas cales cada unha das capas é en si mesma a composición dunha operación de convolución cunha non linealidade puntual. As redes neuronais gráficas (GNN) substitúen a operación de convolución regular cunha operación de convolución gráfica. Discutiranse as convolucións, o seu uso na construción de arquitecturas GNN e exploraranse as propiedades de estabilidade dos operadores GNN. Discutiranse aplicacións para o control de sistemas autónomos colaborativos a gran escala e redes sen fíos.
10:00 h – 10:30 h Pausa café
10:30 h – 12:30 h Comunicacións orais
12:30 h – 13:00 h Clausura e entrega de premios
13:00 h – 14:00 h Xantar de networking
14:00 h – 15:30 h Sesión de pósteres

PUBLICIDADE