
Os membros desta comisión sectorial son na súa meirande parte responsables TIC das universidades estatais. Na tarde deste xoves 4 de maio concorreron na asemblea de seu celebrada na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. A ela asistiron o reitor compostelán, Juan Viaño, e o presidente da propia comisión, o reitor da Universidade de Xaén, Juan Gómez Ortega, ademais do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e do director da ETSE, Antonio Mosquera.
Na apertura desta asemblea, o reitor compostelán afondou na xestión da seguridade informática e nas súas implicacións como temas que “preocupan non só pola presión normativa senón porque afectan á intimidade de persoas e institucións”, sinalou, salientando a “idoneidade deste encontro por permitir contrastar experiencias, comprobar as necesidades funcionais e buscar as mellores solucións para toda a comunidade universitaria”.
A Comisión Sectorial de TIC da CRUE abrollou a finais de 2003 co nacemento dun grupo de traballo no seo da CRUE sensibilizado acerca do alcance e implicación das tecnoloxías da información nas universidades. En 2007 creouse finalmente esta comisión, encargada de elaborar e publicar o informe anual UNIVERSITIC de análise das TIC nas universidades españolas. Segundo informa a USC este documento (que vai polos 11 volumes) recolle o estado detallado do Sistema Universitario Español en relación coas TIC e ten como obxectivo a análise e planificación estratéxica das universidades españolas. O último UNIVERSITIC, correspondente a 2016, corrobora a aposta das universidades polas novas tecnoloxías como soporte e apoio da docencia: “A docencia virtual, a xestión de licencias software para docencia e o soporte a aulas de informática de uso docente están implantados practicamente en todas as universidades”.
O sistema universitario estatal xúntase na USC para estudar estratexias conxuntas nas TIC
Compartir Este Artigo

