O traballo da Presidencia española coas TIC exponse estes días en Amsterdam

mércores, 26 de maio do 2010 Raquel Noya

Dende onte, e ata o mañá xoves, 27 de maio, estase a celebrar en Amsterdam a edición 2010 do Congreso Mundial de Tecnoloxías da Información (WCIT), un acontecemento que se inclúe no calendario oficial de eventos da Presidencia española da Unión Europea (UE), e que reúne aos principais líderes políticos e empresariais co obxectivo de compartir puntos de vista acerca do papel fundamental que xogan as TIC como factor dinamizador e de crecemento.
O WCIT, considerado como “o evento mundial máis importante no mundo das TIC” está organizado polo World Information Technologies and Services Alliance co apoio da Comisión Europea, ao acubillo do ICT Office, e co-organizado polo Ministerio de Asuntos Económicos dos Países Baixos e o Concello da cidade de Amsterdam.
Este Congreso, que se celebra cada dous anos, ten como lema nesta edición Desafíos do Cambio, e apóiase en tres principios esenciais: inspiración, innovación e transformación.
O secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Francisco Ros, interveu no acto de inauguración do Congreso, e no seu relatorio lembroulle ás persoas asistentes os principais puntos da Declaración de Granada, aprobada o pasado mes polos ministros de Telecomunicacións e Sociedade da Información da Unión Europea e un dos fitos de referencia no desenvolvemento da nova Estratexia Dixital Europea.
Este documento, lembrou, “aboga por máis e mellores infraestruturas capaces de albergar servizos en liña múltiples e de máis alta calidade nun mercado unificado e de confianza”. Estes servizos, engadiu, “son necesarios para atraer a necesaria demanda agregada e impulsar a ampla introdución destas tecnoloxías”.
Ros tamén se referíu ao impacto das TIC na sosteñibilidade, e destacou a cooperación entre a UE e os países de América Latina e Caribe neste senso mediante a sinatura da Declaración de La Granja.
Asemade, referiuse ao traballo da Presidencia española coa industria TIC e pechou a súa intervención recordando que “o resultado máis importante da mesma é a Axenda Dixital Europea, que está por vir”.
A presenza española neste Congreso articúlase tamén mediante a instalación dun pavillón de 100 metros cadrados, xestionado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, dende o que se promoverá a imaxe exterior de España, dende un punto de vista global porén cun enfoque centrado nas novas tecnoloxías, tanto na perspectiva do sector público como do privado.
Neste ámbito, será especialmente relevante a xornada do vindeiro xoves, cando, no marco das sesións Face to Face, está previsto que todas persoas interesadas se acheguen ao pavillón español a resolver as súas dúbidas e cuestións que teñan ao respecto.

PUBLICIDADE