O último filme de Adam Sandler racha marcas en Netflix

mércores, 19 de xuño do 2019 Marcus Fernández

As audiencias das plataformas de streaming non son aínda moi transparentes nin doadas de ponderar, pero no caso das estreas de longametraxes están a rivalizar seriamente coas estreas cinematográficas, como demostrou o pasado decembro Netflix con A Ciegas (Bird Box), filme protagonizado por Sandra Bullock que en só sete días foi visto por máis de 45 millóns de contas de usuarios (o que supón un número de espectadores moi superior) e agora volven realizar un anuncio semellante, e aseguran que Criminales en el Mar (Murder Mystery), longametraxe de Adam Sandler e Jennifer Aniston, chegou a 30.869.863 contas de usuario nos seus primeiros 3 días, converténdose na meirande estrea na historia de Netflix.
Netflix detalla que 13.374.914 das contas que reproduciron o filme de Adam Sandler correspondían ao mercado de EE.UU. e Canadá, mentres que as 17.494.949 contas restantes correspondían ao resto do mundo, do que podemos entender que aínda que o éxito de Sandler é principalmente norteamericano, o seu impacto global é significativo, de xeito que as plataformas en liña estarían a experimentar cada vez máis os fenómenos das grandes estreas.
Comparar os resultados das estreas de Netflix coas estreas cinematográficas resulta complicado, xa que normalmente os cines miden o éxito en recadación, mentres que Netflix conta aos usuarios (número bastante inferior ao de espectadores, xa que en cada fogar poden ver a mesma produción varias persoas), de xeito que polo momento non parece probable que vaiamos ver listaxes conxuntas cos éxitos do ano, pero resulta innegable que as plataformas en liña xa teñen unha entidade de seu que non debe ser menosprezada pola industria cinematográfica, xa que na práctica consegue os seus mesmos obxectivos: achegar longametraxes ao público.

JPEG - 76.3 KB
Jennifer Aniston e Adam Sandler protagonizan Criminales en el Mar

PUBLICIDADE