O videoclub en liña de Blusens incorpora tarifa plana

mércores, 20 de abril do 2011 Redacción

Blusens, a compañía galega de electrónica de consumo, anuncia a dispoñibilidade de Cineclub, un servizo de subscrición mensual de tarifa plana no seu videoclub en liña. Grazas a Cineclub, os usuarios do videoclub de Blusens TV e do Blusens web:tv poderán acceder por só 9,95 euros ao mes a centos de películas e velas cantas veces queiran nese período. O usuario poderá contratar meses individuais para ver en tarifa plana todas as películas do catálogo etiquetadas como cineclub. A subscrición pódese renovar automaticamente ata que o usuario decida o contrario.
Cineclick, o videoclub en liña incluído en Blusens TV, é accesible por Internet tanto dende un ordenador coma directamente no televisor a través do Blusens web:tv, o dispositivo de fogar conectado que leva Internet á televisión. O Blusens web:tv convértese no único dispositivo do mercado cun servizo de videoclub de subscrición mensual, segundo o seu fabricante. O catálogo actual conta con centos de películas das maiores distribuidoras que se incrementan diariamente.
Segundo Miguel Churruca, Director de Mercadotecnia e Comunicación de Blusens «Cineclub é un paso máis para facilitar ao usuario máis e maiores posibilidades de acceder a contidos de calidade, que se suman a toda a oferta de Blusens Televisión e a outras novidades que anunciaremos en breve».

PUBLICIDADE