O videoxogo Renegade Jammer, nado no Campus de Ferrol, é recoñecido no BCN Game Fest
luns, 20 de outubro do 2025
Renegade Jammer, título nado como traballo final do mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogo, titulación que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), vén de acadar o Premio ao Mellor Xogo Académico na oitava edición do BCN Game Fest by IndieDevDay que tivo lugar, do 10 ao 12 de outubro, en La Farga de Hospitalet de Llobregat (Barcelona).
O alumnado egresado da Universidade da Coruña (UDC) compartiu galardón co estudantado da Escola de Noves Tecnologies Interactives (ENTI), adscrita á Universitat de Barcelona (UB), quen presentou o videoxogo Fragments of the Abyss.
As persoas que integraron o xurado valoraron os seguintes aspectos dos proxectos das 12 institucións académicas participantes: a arte, o nivel dos acabados, o deseño de niveis, as mecánicas, a innovación, o son e a música e, por último, o game feel: a sensación inmaterial e táctil que experimenta o xogador ou xogadora. A Mención de Honor foi para o alumnado de TecnoCampus, centro adscrito á Universitat Pompeu Fabra (UPF), co título Danger Zone.
Detrás de Renegade Jammer están os antigos estudantes do Campus Industrial de Ferrol, Andrea Alonso, Álvaro Martos, David Muradás, Gael Alberto Quintela, Andrea Salgado e Manuel Sanjurjo. Xuntos conforman Team Kaulu, o estudo que está a desenvolver este xogo de plataformas 3D no que a súa protagonista, xunto con outros compañeiros e compañeiras de viaxe, terá que irromper nas instalacións que esta compañía, dedicada ao estudo das mutacións xenéticas con fins pouco éticos, ten en varias galaxias co obxectivo de boicotear os seus sistemas informáticos e deter a súa actividade.
Con todo, esta non é a primeira vez que o estudo Team Kaulu presenta Renegade Jammer en público e obtén algún galardón ou recoñecemento. En novembro de 2024 participaron na ExpOtaku, en ExpoCoruña e, máis recentemente, a mediados de setembro, no Lérez Up de Pontevedra onde conseguiron o Primeiro Premio ao Mellor Xogo Indie.
A oitava edición da BCN Game Fest by IndieDevDay vén de consolidar a súa posición como o evento de videoxogos máis grande do sur de Europa. As cifras avalan o crecemento dunha feira internacional que reuniu a máis de 17.000 persoas visitantes, a 180 estudos (con máis de 200 xogos exhibidos), a 40 publishers internacionais e locais e a 12 institucións académicas participantes. Programando, a maiores, máis de 65 conferencias, paneis e obradoiros, así como máis de 1.200 reunións de negocio.
