O videoxogo galego sobre as revoltas Irmandiñas colle impulso en Verkami

martes, 23 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

O colectivo de micromecenado en Verkami está a facer comunidade arredor dun máis que interesante proxecto galego de videoxogo, mobilizando a busca de apoios de investimento. Trátase de Outrora, videoxogo galego para PC baseado nas revoltas Irmandiñas, o levantamento social acontecido na nosa terra no século XV, en palabras dos creadores de Outrora, “a máis importante revolta da época en Europa”. A iniciativa, que vén da man de Zelta Studios, será un xogo de estratexia para todos os públicos, e prevese que abrolle ao mercado en xaneiro de 2020.
Este é o argumento: tralas revoltas e a guerra do século XV, algúns dos irmandiños superviventes conseguen fuxir a un refuxio no monte, ao que, co paso do tempo, seguen achegar máis fuxitivos e rebeldes. Co paso do tempo este asentamento irá medrando até se converter nunha vila cun exército listo para atacar de novo. Esta vila chámase Outrora.
O xogo, ideado por Iván Zelta, consiste no seguinte reto: teremos que ceibar ás cidades da tiranía da nobreza loitando contra os seus exércitos, comerciando con recursos e investigando novas tecnoloxías para mellorar as nosas tropas e edificios. Se conseguimos derrocar a outras monarquías poderemos tomar o control dos territorios e ampliar o noso imperio.
O xogo inclúe xa unha campaña con 16 cidades, oito tipos de recursos e oito tipos de tropas.
Os obxectivos, para dar forma debida a Outrora, pasan por conseguir 2.000 euros de micro-financiamento. En Verkami xa conta con máis de 20 mecenas. Para máis información cómpre visitar a páxina web de Zelta Studios.

PUBLICIDADE