Kirby y la tierra olvidada chega esta semana a Switch 2

martes, 26 de agosto do 2025 Marcus Fernández

O vindeiro xoves chega ás tendas Kirby y la tierra olvidada – Nintendo Switch 2 Edition + El mundo astral, revisión do xogo lanzado para Switch en 2022, que inclúe unha historia inédita, novos niveis e transmorfoses, actividades adicionais e melloras gráficas e de frecuencia de imaxes grazas ás capacidades de Nintendo Switch 2.
Na nova aventura, un meteorito xigante fai emerxer unha misteriosa illa volcánica do mar. Kirby terá que rescatar os astralinos perdidos e derrotar o poder maligno ligado a ese meteorito.
O título ofrece fases astrais que transforman zonas xa coñecidas en escenarios renovados, con percorridos antes inaccesibles. Estas fases pódense explorar tamén en modo cooperativo para dous xogadores, con maior dificultade e novos inimigos.
Entre as novidades destacan tres transmorfoses: o resorte transmórfico, que permite rebotar e esmagar obstáculos; a engrenaxe transmórfica, para trepar muros con facilidade; e o letreiro transmórfico, que abre a porta a rápidos descensos polas pendentes.
Ademais, os xogadores poderán participar en novas actividades como o torneo Coliseo Z+, que reúne aos xefes máis duros, ou intercambiar moedas astrais na máquina de cápsulas + para conseguir figuras exclusivas.
A edición para Nintendo Switch 2 aposta por gráficos e rendemento mellorados en toda a aventura e ten un prezo oficial de 79,99 euros. Quen xa posúa Kirby y la tierra olvidada poderá adquirir un paquete de actualización dispoñible tamén o 28 de agosto, que dá acceso a todas as novas funcións e contidos por 19,99 euros.

Tráiler de Kirby y la tierra olvidada – Nintendo Switch 2 Edition + El mundo astral