O vindeiros xogos de Halo funcionarán con Unreal Engine 5

luns, 7 de outubro do 2024 Marcus Fernández

A franquía de xogos Halo naceu da man de Bungie Studios, pero Microsoft fíxose coa marca e tras desligarse da compañía en 2007 pasoulle a remuda do Xefe Mestre a 343 Industries, estudio que vén de anunciar que pasará a responder polo nome de Halo Studios, confirmando o seu compromiso coa serie de xogos e reflectindo a grande transformación que está a emprender a saga ao mudar o seu motor gráfico a Unreal Engine 5.
Confirman que todas a entregas futuras de Halo empregarán Unreal Engine, á vez que tamén mudarán cambios na cultura do estudio, no fluxo de traballo e na organización dos equipos, deixando caer que estamos ante unha rotura co pasado, atendendo ás novas demandas dos xogadores e recoñecendo que a súa estratexia actual xa non era a axeitada.
Agora será máis doado que Halo Studios poida desenvolver varios xogos simultaneamente, xa que o uso de Unreal Engine fai moito máis doado o seu traballo a moitos niveis: por unha banda non teñen que dedicar grandes recursos ao seu motor propio, e por outra os novos desenvolvedores non teñen que formarse neste motor propio xa que están familiarizados con Unreal ao ter unha adopción masiva na industria dos videoxogos.
O cambio de motor gráfico realizouse dentro do Project Foundry, proxecto do que veñen de publicar vídeos para demostrar o salto de calidade que suporá a adopción de Unreal, dando lugar a unha nova xeración de xogos de Halo.

Vídeo de presentación de Halo Studios