O viveiro de Barro acolle este mes catro obradoiros de SmartPEME

luns, 8 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

SmartPEME, a rede de formación e asesoramento TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra, vai ofrecer este mes de outubro catro relevantes actividades de capacitación tecnolóxica para os profesionais, os traballadores, as PEME e os emprendedores de Barro. Os catro obradoiros sobre as máis diversas temáticas TIC celebraranse no Viveiro de Empresas do Polígono de Barro. Como lembraremos, SmartPEME oferta ás persoas emprendedoras e empresas da provincia (a través das súas oficinas de Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e Barro) servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración e acompañamento no ámbito das TIC.
A primeira cita do mes terá lugar o sábado, 6 de outubro ás 10 h, coa acción Jam Session de Deseño e Desenvolvemento de Prototipos. A segunda acción, Iniciación á impresión 3D. Que podo facer e como impartirase o xoves da seguinte semana, 11 de outubro, ás 17 h. Por outra banda, o martes 16 de outubro, ás 17 h terá lugar Introdución ao deseño 3D: FreeCAD I. E xa por último, Introdución ao deseño 3D: FreeCAD II impartirase o xoves 18 de outubro á mesma hora. Como dixemos, a oficina SmartPEME de Barro atópase no viveiro empresarial do polígono e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.
O programa da Deputación de Pontevedra desenvolve este ano novas carteiras de servizos co obxectivo de “continuar axudando ás empresas da provincia a ser máis competitivas na contorna económica actual”. O programa abre tres novas grandes liñas: o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC.

PUBLICIDADE