O viveiro de Barro estréase en SmartPEME con cinco obradoiros en marzo

luns, 12 de marzo do 2018 Redacción

A rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra suma e segue. Amais dos espazos de formación TIC avanzada de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados, Lalín e A Estrada (este último posto en funcionamento co novo ano), o concello de Barro vén de adherirse á experiencia co seu viveiro de empresas. Segundo nos conta a Deputación, o acubillo empresarial acollerá durante este mes de marzo cinco novos obradoiros ao abeiro da devandita rede TIC. A primeira cita foi o pasado 8 de marzo, co curso Sistemas embebidos, iniciación ao Arduino. De seguido, este 14 de marzo ás 11 horas ofrecerase un obradoiro de Arduino avanzado con ferramentas libres.
A semana do 19 ao 25 desenvolveranse dous novos obradoiros, o luns 19 de marzo ás 19 horas sobre Firewalls, ferramentas imprescindíbeis para protexer a túa rede e o mércores 21 ás 11 horas sobre Iniciación á impresión 3D. O derradeiro obradoiro de "SmartPeme do mes de marzo en Barro terá lugar o martes, 27 ás 19 horas, sobre NAS, a túa solución de almacenamento en rede. As persoas interesadas en participar nestes obradoiros poderán formalizar a súa inscrición chamando ao 886 202 020 ou ben a través do correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou da páxina web www.smartpeme.depo.es.
Sobre SmartPEME
Recordar que SmartPEME é un modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pequenas e medianas empresas e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das súas tarefas. “Este proxecto”, explica a Deputación de Pontevedra, “abre novos eidos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”.
Para o seu desenvolvemento, os asesores e asesoras TIC das oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo e A Estrada póñense en marcha itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
No último ano SmartPEME bateu unha serie de récords importantes. Máis polo miúdo, aumentouse en preto dun 50% tanto as persoas que se formaron a través dos obradoiros e accións formativas, por unha banda, como o número de empresas e persoas ás que se lles realizaron asesoramentos, pola outra.

PUBLICIDADE