O xogo SimCity abre o seu código

luns, 14 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

O clásico xogo SimCity, que contou con numerosas versións para ordenadores coma Commodore 64, Atari ST, Amiga, Mac ou PC, pasando por varias consolas de videoxogos, poderá sobrevivir ó paso do tempo grazas a que se libera unha versión do mesmo baixo o nome de Micropolis, que será de código aberto, e elimina o nome orixinal do título para evitar problemas legais con Electronic Arts (empresa propietaria da marca).
O código liberado non é o que tiña orixinalmente o xogo desenvolvido por Will Wright, senón que se basea na versión que se adaptou para o seu funcionamento no portátil XO-1 do proxecto OLPC, aínda que tamén se dispuxo dunha versión para Linux.
É de agardar que nos vindeiros meses se adapten o xogo para distintas plataformas, coma poden ser as consolas de videoxogos portátiles, o que agradecerán os afeccionados a este xogo que tantas horas de lecer vén proporcionando dende hai máis de 18 anos.

PUBLICIDADE